Narrativas dixitais é un concepto moi amplo. Nel caben propostas tecnolóxicas tan complexas como as experiencias inmersivas. Pero tamén posibilidades accesibles para a meirande parte das persoas, a través da formación e o acompañamento.
Partimos da base de que a tecnoloxía debe estar ao servizo das persoas e, neste caso, do que queren contar. E dende esa perspectiva, do que se trata é de atopar o “contedor” dixital máis adecuado e sostible para cada relato.
E, unha vez atopado, activalo.
Narrativas dixitais para experimentar e crear
As nosas propostas neste eido pasan por experiencias formativas. Nalgúns casos, focalizadas cara unha aprendizaxe técnica, como os obradoiros de creación e comunicación dixital que desenvolvemos na Normal da UDC. Noutros por aprendizaxes vinculados á experimentación e ao desenvolvemento da creatividade persoal, como nos Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital. E tamén algunhas experiencias vinculadas ás cartografías dixitais.
A nosa filosofía de aprender facendo-aprender compartindo está presente en todas estas propostas e interesou, sobre todo as que teñen que ver cos mapas dixitais, á oenegué Arquitectura sen Fronteiras.
A nosa experiencia, no podcast "Habitando"
De todo isto tivemos ocasión de falar no episodio 39 do podcast Habitando, que estivo centrado nas cartografías sociais.
Nel compartimos a nosa visión sobre a importancia de ser quen de xerar e compartir un relato propio -individual ou colectivo- e de tecer comunidade arredor de procesos de creación.
Foi unha tarde moi agradable a que pasamos na Escola Técnica de Arquitectura da Universidade da Coruña, poñendo en común experiencias e tecendo rede coa xente da ASF! 😊
