O Museo Provincial de Pontevedra acolle estes días a segunda edición das Xornadas de Museos e Educación Patrimonial, que se celebran baixo o lema Construíndo futuros dende a educación.
Estas xornadas teñen como obxectivo conectar a persoas vinculadas á educación en museos e universidades de Galicia, España e Portugal. E xiran arredor de tres eixos:
- Educación patrimonial para o cambio social
- Novos formatos e medios
- Creación de redes de colaboración institucionais
Neste marco, no que participaron diversos proxectos, presentamos Saberes Próximos.
Saberes Próximos e o noso patrimonio inmaterial
Saberes Próximos é unha proposta vinculada á nosa liña de traballo de investigación e divulgación. Nela quixemos coñecer ás persoas que recollen, coidan a difunden o noso patrimonio inmaterial. E xerar unha narrativa dixital coa que visibilizalas e poñer en valor a súa labor.
Fixémolo co apoio de Cultura da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares de especial interese cultural
A nosa compañeira Sara Fraga, comisaria do proxecto, foi a encargada de desenvolver a presentación na sesión de pósteres da xornada e explicar as claves deste proxecto.
Patrimonio inmaterial e formatos dixitais
O proceso de recollida de información de Saberes Próximos materializouse na web saberesproximos.gal, que ofrece diferentes posibilidades de lectura.
Por unha banda, a rede interactiva, que permite xogar coas persoas e colectivos que a forman. Por outro, un mapa xeolocalizado. E tamén unha lista que permite unha navegación máis sinxela.
Pero, ademais, do contacto coas persoas que traballaban co patrimonio inmaterial xurdiu a ocasión de falar devagar e de profundar nalgunhas cuestións.
Desa oportunidade xurdiron As Conversas, un formato sonoro artellado en cinco episodios cos que coñecer en detalle o traballo e as motivacións doutras tantas persoas vinculas ao noso patrimonio inmaterial.