Que pode contar un muíño de vento sobre un barrio?
A iniciativa Aquí antes había un muíño , impulsada pola librería e espazo cultural Galgo Azul, busca poñer en valor a memoria e a identidade do barrio da Agra do Orzán (A Coruña). Faino a través dun programa participativo e interxeracional que combina faladoiros, murais artísticos, obradoiros e roteiros arredor do antigo muíño de vento da Gramela, un símbolo do lugar durante dous séculos. O seu obxectivo principal é implicar a veciñanza na posta en valor da historia e do patrimonio común.
Desde BenCuriosa levamos tempo colaborando con Leo Casado, un dos promotores de Galgo Azul, en diferentes proxectos de museoloxía e mediación cultural. Por iso foi unha alegría poder participar nesta proposta dun espazo de dinamización cultural de proximidade que consideramos referente. Da man de Sandra Vázquez, que nos está a acompañar durante as súas prácticas do Máster Interuniversitario en Patrimonio Cultural Dixital (UDC/USC), encargámonos da creación e estruturación dos contidos dixitais.
O proxecto, recoñecido polo Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social da Deputación de Cultura da Coruña, culminou cun roteiro cultural realizado por Javier Villaverde, que tamén nos acompañara recentemente como alumno en prácticas do Máster en Gestión Cultural da UOC. Presentamos o espazo web nunha festa e encontro final, no cal puidemos poñer en común os recursos dixitais que permiten explorar diferentes dimensións a través dunha experiencia interactiva e accesible:
- Sobre o proxecto, onde se presenta o proxecto e as actividades realizadas.
- Repositorio Dixital, que reúne materiais documentais, sonoros e gráficos sobre os muíños da cidade.
- Coñece a súa historia, que convida a descubrir a historia do muíño e como o barrio evolucionou arredor del.
- Memorias e murais, que recolle testemuñas e creacións de artistas locais inspirados neste legado.
Animámoste a visitar esta plataforma dixital viva e aberta, que convida a compartir e manter a memoria do Agra do Orzán en galgoazul.com/gl/proxectomuino












