Profundando nas prácticas profesionais responsables na xestión cultural
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural organizou o seu primeiro encontro, baixo o título Unha aproximación á realidade cultural.
Na xornada, celebrada no Pazo de Goiáns (Boiro), falouse de moitas cuestións. Eentre elas, a necesidade de coidar de nós como base dunha xestión cultural responsable.
Pero imos por partes: trala recepción institucional, as participantes puidemos asistir á primeira mesa redonda da mañá, adicada a repasar os catorce anos de asociacionismo no sector a través da AGPXC. Nela participaron Xavier Campos, Alberto García, Pilar López e Pilar Portela.
A segunda mesa, con Emi Candal (Urdime) e Xaquín López (Auditorio de Galicia) serviunos para contextualizar e debatir os retos actuais do sector cultural.
E se a primeira práctica responsable é coidar de nós?
Outra das mesas programadas tiña como eixo principal as prácticas responsables no ámbito da xestión cultural.
Nela participaron Laura Romero, da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Teresa Espejo, Xabier Carnota, da Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo e o noso compañeiro Sergio Lago.
Nela falouse de cuestións relacionadas coa sustentabilidade dos nosos traballos como xestorxs culturais. Da relación entre orzamentos e cargas de traballo. De esixencias temporais inasumibles. E da precariedade económica que obriga á acumulación de proxectos para sobrevivir.
Pero tamén de saúde mental e emocional. De persoas que non poden máis ou que o fan apoiadas en medicación e terapias.
Traballar menos e mellor, como responsabilidade para con nós mesmas e coa nosa comunidade. Esa foi unha das ideas aportadas por Sergio nesta mesa, na que quedou unha porta aberta a seguir profundando nesta visión.

Sesións prácticas
Este I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural completouse cunha visita teatralizada ao pazo, da man dos Quinquilláns, e dous obradoiros prácticos.
Un arredor do Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural para Espectáculos ao Vivo e outro centrado en exemplos prácticos sobre o Manual de Artes Visuais.