A poesía é probablemente o xénero que mellor identifica á literatura galega no mundo, aínda que para os lectores semella ser unha disciplina menor. Son múltiples as entidades que en Galicia están a dinamizar a poesía coa organización de certames que fomenten a escrita e a lectura deste xénero. Mais non existía análise e reflexión suficiente como sobre o seu impacto real na creación, venda e lectura de poesía.
Sobre este punto de partida e baixo a coordinación de Carlos Lorenzo, colaboramos na recollida e procesamento de información que se reúne no estudo “OS CERTAMES GALEGOS DE POESÍA: Unha análise de como contribúen a dinamizar a literatura no s. XXI”.
Faise público na Casa da Cultura de Carral o 09 de xuño de 2022, dentro da Xornada “Os certames de poesía como motores dunha literatura propia“, no marco da iniciativa A Cultura é un Dereito da Deputación da Coruña.
Nela, dentro dun amplo programa, búscase crear un espazo no que se valoren as experiencias dos concursos e na que se debata sobre os novos modelos de premios. O estudo formúlase como o documento de partida desta Xornada.
Motores dunha literatura propia
Nas palabras do propio coordinador, esta análise pretende ollar o que están a facer os principais certames de poesía galega, que neste ano 2022 son case unha trintena, para obter conclusións que nos obriguen a reflexionar sobre os seus fins, as súas dinámicas, o seu valor para escritores e escritoras, sobre o que contribúe a fomentar a creación de novos lectores de poesía…
E desas reflexións, o que desexamos é que servan para fomentar as boas prácticas, para non esquecermos que o importante é o fomento da escrita e da lectura de poesía na nosa lingua e para fornecer un modelo de convocatorias que xa deben mirar cara os modelos culturais desexables do segundo cuarto do século XXI.
Toda a información sobre a Xornada “Os certames de poesía como motores dunha literatura propia”, incluída a gravación e o informe, pode atoparse aquí.