Cartografía da acollida: espazos e persoas que coidan da comunidade

Celebramos no Museo Provincial de Lugo, da man do museólogo e xestor cultural Leo Casado e ao abeiro do programa Estratexias de Museoloxía Social 2025 -que coordinamos para a Rede Museística Provincial de Lugo-, o obradoiro Cartografía da Acollida.

Foto de grupo do obradoiro Cartografías de Acollida, nunha sala do Museo Provincial de Lugo

A idea deste taller era xerar un espazo de encontro e conexión entre persoas. Convidamos especialmente a persoas migradas, tanto as vinculadas dende hai tempo e de maneira activa á comunidade da Rede Museística como a recén chegadas e sen apenas conexión coa Rede, así como a persoas sen experiencias migrantes, pero con interese en incorporar unha nova perspectiva.

Traballouse sobre o mapa da cidade, pero dende unha escala humana. Ofrecendo como ferramentas un amplo tempo de escoita e o traballo devagar, no que o feito de poder coñecerse e compartir experiencias, memoria e emocións definiu a cartografía da acollida: un mapa de espazos seguros, de empatía, de mans tendidas, de solucións prácticas, de festas e encontros,… debuxado entre todas.

Este gran mapa de Lugo construído a moitas mans en realidade resultou ser un mapa de persoas. De humanidade. Porque os lugares que marca son, en realidade, o reflexo de decisións individuais: non xulgar, facilitar, comprender, ser boa xente, tecer rede.

E porque son persoas as que os identificaron a partir da súa propia experiencia, convertindo o mapa nun exercicio xeneroso e emocionante de coidado colectivo.

Cartografías da Acollida é unha actividade de Estratexias de Museoloxía Social 2025 e conecta tamén co Museo da Migración.

Publicacións similares