A importancia de sermos quen de coidar a nosa memoria colectiva
“Antes que a memoria esqueza”: este é o título baixo o que se desenvolveu este 8 de marzo na parroquia da Abelleira (Muros) unha homenaxe a varias das súas veciñas. Mulleres como Delia, Lola e Ernestina, protagonistas dun acto pensado para poñer en valor o seu traballo como cargadoras no antigo serradoiro.
Ás veces descalzas, en quendas de largas horas, de día e de noite, con calor ou entre a lama que deixaba a chuvia nos camiños: as cargadoras transportaban coa forza do seu corpo e unha palicuerda madeira e troncos enteiros dende os montes e o serradoiro ata o barco (o galeón) que agardaba fondeado.
Pero tamén transportarían sacos de area e pedras para facilitar a construción da explanada na que se sitúa o que hoxe en día é o local veciñal que acolleu a homenaxe.

Que é o que conecta a BenCuriosa coa historia destas mulleres e con esta homenaxe veciñal? Pois un proxecto que desenvolvimos a finais do 2020, cando aínda non era posible a presencialidade: os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital, que ofreceron obradoiros en liña -relacionados con novas narrativas e creatividade dixital – nos concellos de Carral, Valdoviño, Cedeira, Vimianzo, Neda, Narón e Muros.

Nun deses obradoiros, dirixido a descubrir e experimentar ferramentas dixitais que permitiran ás participantes contar a súa propia historia, participou O Ferreiro, presidente da asociación de veciños A Ostreira (Abelleira, Muros).
Axiña descubriu que os Labs podíanlle resultar útiles para algo que tiña dende había tempo en mente: documentar a historia de varias mulleres da súa contorna, xa maiores, que traballaran no serradoiro e que, segundo nos explicou daquela, tiñan unha historia que quedara esquecida co paso do tempo e a falta de recoñecemento institucional.
O primeiro paso foi recoller de xeito dixital as historias de quen aínda podía contalas. Conversas que falaban de frío e fame, de precariedade -cobraban menos que os homes e nunca chegaron a estar aseguradas- e da dureza dun traballo no que as mulleres eran unha forza de carga rentable.
Dese proceso de #aprenderfacendo e desa primeira recollida sairía uns meses despois -co apoio do Concello de Muros, a través da súa técnica de Cultura, Madó Santos – un faladoiro incluído nas xornadas A muller e os oficios do mar, no que tivemos tamén o pracer de participar.
Dende aquela ata hoxe, a asociación veciñal desenvolveu un traballo constante de recollida e arquivo. Dalgún modo, aquelas primeiras conversas documentadas ao abeiro dos Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital serviron como primeiro paso para que a asociación puidese gardar a memoria viva das mulleres obreiras do serradoiro.

Agora, catro anos despois, recibimos o convite para participar neste acto de homenaxe pública, incluído na programación do 8M de Muros.
Unha tarde especial para Delia, Lola e Ernestina, as súas protagonistas. E de orgullo para a súa veciñanza, que fixo pequeno o local da asociación que elas axudaron a construír.
Pero tamén especial para nós, que vimos como aquelas narrativas dixitais que compartimos en liña conseguiron conectar coa vida dun grupo de persoas e cun obxectivo concreto e real, poñendo en valor o coidado, por parte da comunidade, da súa propia memoria. Esa que igual non aparece nos libros de Historia, pero que sostén a vida e constrúe futuro.
