Que pode achegar un museo virtual ao diálogo iberoamericano sobre museoloxía social?
O noso compañeiro Sergio Lago participou como relator no III Encuentro Iberoamericano de Museos Virtuales, organizado polo Museo de los Museos (Chile). Un espazo de intercambio inspirador no que se compartiron experiencias de distintos territorios iberoamericanos arredor do recoñecemento, a identidade e a lexitimidade do museo virtual como formato museal autónomo.
Sergio interveu na mesa sobre Museoloxía Social en Contornas Dixitais, xunto a iniciativas como o Museo del Patrimonio Cultural de Sutatausa (Colombia) e o MUZA – Museo para la Naturaleza (Chile), presentando o Museo da Migración da RMPL, impulsado pola Rede Museística Provincial de Lugo.
Un museo virtual que non é só unha web
A intervención explorou unha idea que compartimos con moitas das experiencias convidadas: un museo virtual non é simplemente unha páxina web que replica o presencial. É ou pode ser un espazo con identidade propia.
No caso do Museo da Migración, falamos dun proxecto dixital concibido desde a museoloxía social, con principios como a alteridade, a interseccionalidade, a participación e a inclusión atravesando toda a súa arquitectura.
Non se trata de dixitalizar actividades previas, senón de construír un museo autónomo, capaz de:
- Investigar e documentar procesos vinculados á migración e á interculturalidade.
- Activar unha colección inmaterial baseada en voces e memorias.
- Educar e xerar conversa na contorna dixital.
- Conectar territorio e comunidade nunha dimensión local-global.
Microscopio e telescopio
Un dos eixos que estruturou a presentación foi a metáfora do microscopio e o telescopio, empregada para explicar o modelo de traballo da Rede Museística Provincial de Lugo, coa que temos a sorte de colaborar desde fai anos:
- O microscopio representa o traballo de proximidade: escoitar, acompañar procesos e actuar no territorio.
- O telescopio simboliza a apertura ao mundo: dialogar con outras experiencias, aprender e compartir.
O Museo Virtual da Migración nace precisamente nese cruzamento. O que compartimos neste encontro non foi só un proxecto concreto, senón unha maneira de traballar: integrar museoloxía social, investigación-acción e deseño dixital nun mesmo proceso coherente.
Valoramos especialmente cando unha institución entende o dixital non como escaparate, senón como infraestrutura cultural; non como substitución do presencial, senón como espazo autónomo e complementario para activar memoria, comunidade e conversación pública.
Seguimos tecendo rede!
