Redes, coidados, colaboración
Cultura para a transformación social
En BenCuriosa unimos coñecementos e experiencias de profesionais cunha visión común, creando equipos á medida de cada proxecto. Somos un espazo de colaboración flexible, onde as ideas e as persoas conflúen para investigar, experimentar e dar vida a iniciativas con impacto.
Apostamos por unha cultura aberta, inclusiva e en diálogo co territorio, cunha forte dimensión experimental e colaborativa. A nosa forma de traballar baséase no coidado dos procesos, na cooperación intersectorial e transdisciplinar e na conexión entre axentes diversos, tanto no ámbito próximo como internacional.
Desde esta visión, deseñamos estratexias, compartimos coñecemento e impulsamos proxectos que exploran novas formas de facer cultura ao servizo da comunidade.

Unimos coñecementos e experiencias
O noso equipo e rede

Sergio Lago
Director de proxectos
A miña avoa dicíame sempre: “hai que ser curioso na vida“. E fíxenlle caso. Gústame explorar novas formas de facer e estar na cultura, conectar persoas e tecer espazos onde compartir saberes e experiencias. Interésame todo o que achega a cultura ao benestar e á vida cotiá das persoas.

Ruth Sousa
Comunicación e xestión cultural
Contar historias e escoitalas forma parte da miña maneira de estar no mundo. Por iso é unha sorte que o meu traballo, dende hai tempo, teña tanto que ver coa creación de relatos, a comunicación con sentido e a cultura feita con coidado.

Eli Monteagudo
Coordinación proxectos sociais
Fago posibles proxectos culturais e educativos que implican ás persoas, conectan coa comunidade e xeran un impacto positivo. Traballo desde a igualdade, a creatividade e a inclusión, aportando a miña ampla experiencia na formación e na produción cultural.

Diego Parajó
Innovación social e xestión cultural
Compartimos proxectos de consultoría, formación, tecnoloxía social e participación comunitaria. E post-its, moitos post-its… cos que activar procesos creativos en equipos e organizacións.

María Masaguer
Investigación e facilitación
Compañeira de camiño en procesos de diagnose, facilitación da aprendizaxe e innovación na creación colectiva de coñecemento.

Beatriz R. Fontán
Poliédrica
Creatividade para poñerlle nome ás ideas e innovar no marketing cultural, explorando xuntas novas pontes entre proxectos culturais, públicos e patrocinio.

Marcos Lorenzo
Investigación e consultoría cultural
Membro fundador de BenCuriosa, xunto a Sergio Lago, actualmente atópase enfocado no ámbito público. Seguimos a colaborar en iniciativas sectoriais e para a divulgación de coñecemento arredor da Xestión Cultural.

Laura R. Duarte
Xestión cultural e contidos dixitais
Compañeira de viaxe esencial no camiño de BenCuriosa, surfeamos xuntas unha pandemia deseñando formacións e proxectos dixitais. Agora inmersa noutra das súas paixóns, o ámbito das artes escénicas, continuamos a colaborar en produción de contidos.

Jaume Colomer
Investigación e consultoría cultural
O noso referente en planificación cultural e na xestión e desenvolvemento de públicos. Acompaña organizacións a avaliar, repensar e deseñar estratexias con sentido e mirada próxima.
Colaboramos en alianza con BissapLab
Colaboramos?
Sempre estamos abertas a ampliar rede e sumar novas complicidades 🙂
Pode que teñas unha idea entre mans e creas que en común podemos darlle forma e levala adiante. Tamén que sexas especialista nalgunha das temáticas nas que estamos a traballar, impartas formacións ou vexas a posibilidade de colaborar dalgunha maneira máis puntual. Ou se ti es esa persoa coa que poder abrir novas liñas e proxectos de futuro en BenCuriosa.
En definitiva, tanto se estás a buscar unha relación laboral como se ofreces os teus servizos como profesional independente, ou formas parte dun colectivo ou empresa afín. Se te identificas co que facemos, compartes os nosos principios de traballo e cres que os teus saberes e habilidades poden encaixar connosco… escríbenos!