Se escoitamos falar de mapa dixital colaborativo pode ser que de entrada non teñamos moi claro de que se trata, pero o certo é que unha ferramenta moi interesante á hora de contar un relato.
Falamos de colaborativo porque estas ferramentas permiten que varias persoas á vez introduzan información no mapa. Coordinadas arredor dun proxecto común.
E falamos de dixital ou virtual porque empregamos a tecnoloxía. Mediante propostas de carácter libre e colaborativo, como Open StreetMap, ou vinculadas a plataformas, como Google My Maps.
Que podemos facer nós nun mapa?
De toda a vida os mapas serviron para ubicarnos. Dende que os temos no móbil se cadra non nos fixamos tanto, pero cando só existían en papel, a búsqueda dun punto no mapa permitíanos “ler” todo un contexto.
Monumentos, ríos, montes, estradas, lugares,… Todo aparecía sinalizado coas súas correspondentes lendas. E xeraba un relato orientado a darnos información sobre o territorio.
O que nós podemos facer nun mapa en branco é, en liñas xerais, contar o que queiramos en relación a un lugar. Podemos falar de monumentos, ríos e montes tamén. Pero dende a nosa perspectiva.
Ou doutro xeito. Por exemplo, lugares nos que nos sentimos felices ou que nos dan medo. Podemos tamén ubicar a memoria colectiva, ofrecendo contidos sobre o mapa. Asociados a lugares concretos, en forma de testemuños en vídeo, audio ou fotos con textos explicativos.
En definitiva, nun mapa podemos contar o que queiramos. Podemos facelo sós. Pero se o facemos en equipo construiremos un relato maior. E seguro que aprenderemos moito máis!
As nosas experiencias cos mapas dixitais
En BenCuriosa experimentamos, da man da investigadora e facilitadora María Masaguer, as posibilidades das cartografías dixitais colaborativas.
Fixémolo nunha sesión con varios dos grupos que participaron nos Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital. Foi unha experiencia puntual, case de peche dos obradoiros. Pero serviunos para darnos conta das posibilidades creativas -e tamén de aprendizaxe, no que respecta a determinadas destrezas dixitais- dos mapas virtuais.
Agora vimos de ampliar esa experiencia no marco duns obradoiros de creación dixital celebrados en Ferrol, nos que tamén participaron compañeiros dos Labs, como é o caso de Roi Guitián, de Gingko.
O resultado foi un mapa da memoria elaborado por persoas diversas, con diferentes níveis de competencias dixitais. Ao remate, todos aprenderan a realizar investigacións documentais e pequenos vídeos para recoller a memoria industrial e veciñal.
Uns traballos cos que elaboraron percorridos (relatos da cidade) en base á súa visión particular do territorio. Xuntos, ese relatos xeraron un mapa moito máis rico que eses mapas, tan útiles, que amosan monumentos, ríos, montes ou estradas.
E nós quedamos con ganas de seguir mapeando!