Vivimos en sociedades cada vez máis diversas, pero… están preparadas as institucións culturais para reflectir esa diversidade?
Volvemos cunha nova edición de Estratexias de Museoloxía Social, o ciclo de conversas iberoamericanas que coordinamos para a Rede Museística Provincial de Lugo. Este 2025 celebrámolo baixo o título “Comunidades en constante cambio: diálogo intercultural e diversidade”.
Abrimos o ciclo cun diálogo necesario e inspirador da man de Dagmary Olívar Graterol e Jordi Baltà Portolés, dúas voces de referencia que nos axudaron a pensar colectivamente desde distintas experiencias, ámbitos e escalas.
Que ideas quedaron na conversa?
Antes de compartir algunhas das ideas que xurdiron na conversa, queremos agradecer a Adela Vázquez Veiga (adelavv.com), que xenerosamente nos fixo chegar as que a ela máis lle resoaron nesta estupenda relatoría gráfica 😊
Diversidade e museoloxía situada
Dagmary Olívar recalcou que para saber se unha institución está preparada para reflectir a diversidade, o primeiro é mirar ao territorio:
🔹 “A resposta só pode construírse desde unha museoloxía situada, sensible ao contexto e atravesada polo diálogo intercultural.”
Representatividade real
A presenza de comunidades migrantes ou racializadas non debería ser anecdótica, senón estrutural:
🔹 “Se as persoas migrantes representamos entre un 15 e un 20% da poboación, ese debería ser tamén o referente para as institucións culturais.”
De actividades puntuais a cambios estruturais
Jordi Baltà compartiu o diagnóstico do informe do CoNCA en Cataluña:
🔹 “As institucións din: queremos ser abertas, inclusivas. Pero o problema aparece na práctica: como o facemos?”
🔹 “Pasar de accións puntuais a algo máis estrutural é o gran reto.”
Gobernanza inclusiva e compromiso institucional
🔹 “Os plans estratéxicos, os marcos institucionais… aí é onde comeza o compromiso real coa diversidade.”
Dereitos culturais: acceso, representación e dignidade profesional
Desde unha perspectiva de dereitos, falamos non só de acceder á cultura, senón tamén de participar como suxeitos activos:
🔹 “Temos dereito a acceder a patrimonios e expresións culturais diversas, non só á nosa.”
🔹 “Tamén é importante recoñecer o dereito das persoas migrantes ou racializadas a gañarse a vida no sector cultural.”
A diversidade como forza transformadora
🔹 “As traballadoras culturais que vimos das propias comunidades estamos atravesadas pola migración, polo non lugar ou por moitos lugares á vez. E isto marca o noso quefacer, o noso impacto e os nosos retos.” (Dagmary Olívar)
Seguimos #TecendoRede para aprender compartindo como construír unha acción cultural crítica, inclusiva e comprometida coa diversidade.
Unha vez finalizado o ciclo, abrimos os contidos para que poidas seguir explorando, reflexionando e compartindo. Se queres ver a conversa completa, acceder aos documentos e recursos compartidos deste ciclo impulsado desde a Rede Museística Provincial de Lugo, podes facelo nos seguintes espazos:
🔗 bencuriosa.gal/portfolio/estratexias-de-museoloxia-social-dialogo-intercultural-e-diversidade
🔗 comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2025