Como facemos dos museos institucións máis inclusivas, diversas e comprometidas co benestar emocional e social?

Nesta terceira conversa do ciclo Estratexias de Museoloxía Social, que coordinamos para a Rede Museística Provincial de Lugo, exploramos como os museos poden converterse en espazos de hospitalidade, acollida e transformación, máis alá do seu rol tradicional como gardiáns do patrimonio. Fixémolo a partir do diálogo entre dúas persoas profesionais con traxectorias profundamente comprometidas cos dereitos culturais, a participación comunitaria e a construción de sentidos desde o afecto e a diversidade:

  • Susana Moliner, desde a coordinación de GRIGRI, desenvolve o seu traballo na intersección entre mediación cultural, produción colaborativa e aprendizaxe crítica. Participou en iniciativas como o docuweb Artistas Migrantes do Museo Thyssen e o laboratorio ¿E se…? dentro do programa Unha fenda do Museo Reina Sofía, ademais de formar parte da asemblea de Museo Situado. O seu enfoque convida a transcender os marcos tradicionais do museo para convertelo nunha ferramenta activa de cambio social.
    .
  • Germán Paley é museólogo social, axitador cultural e arteducador arxentino residente na Cidade de México. Desde El Museo Humano impulsa unha museoloxía afectiva centrada no benestar persoal e colectivo, a participación comunitaria e a deconstrución institucional. En 2016 creou a Área de Comunidades do Museo de Arte Moderno de Bos Aires. Actualmente colabora como consultor e docente en México e Arxentina, e é curador do Encontro Internacional de Infancias Libres e Diversas da UNAM. Cunha ollada afectiva e comprometida, promove prácticas que vinculan cultura, emoción e xustiza social.

Que ideas escoitamos?

Unha vez máis, agradecemos a Adela Vázquez Veiga (adelavv.com) que nos permita abrir esta recompilación de ideas coa súa relatoría gráfica, que recolle e sintetiza visualmente algúns dos momentos máis significativos da conversa.

A hospitalidade como práctica colectiva

A hospitalidade non é só abrir a porta, senón tamén repensar quen somos e desde onde acollermos. Supón xerar relacións colectivas que desafíen fronteiras físicas e simbólicas: as que separan disciplinas, corpos, saberes ou culturas. Moliner propuxo unha ollada crítica sobre ese “nós” institucional, apostando por unha hospitalidade que habilite outras formas de pertenza: non por orixe, senón pola capacidade de facer e de coproducir.

O útil, o manual, o inesperado

Unha das claves para xerar espazos inclusivos está no concreto: deseñar propostas útiles para as comunidades coas que traballamos, lexitimar saberes non hexemónicos, compartir a toma de decisións e habilitar o facer manual como ferramenta de vínculo. A dimensión afectiva e material do traballo cultural pode facilitar encontros reais, capaces de crear vínculos máis alá do simbólico.

Gobernanza compartida e dereito a decidir

Moliner subliñou a importancia de delegar poder real. Non abonda con convidar a participar: é necesario que as comunidades decidan sobre os temas, os orzamentos e as formas de facer. Experiencias como Museo Situado no Reina Sofía ou o programa Botiquín para mi ciudad ilustran como abrir espazos de cogobernanza transforma a relación entre as institucións e a súa contorna.

Museos como xardíns do benestar

Germán Paley propúxonos pensar os museos non como templos do saber, senón como “santuarios do benestar”, “xardíns de subxectividades” ou “espazos de soño”. Fronte ao museo que impón unha única forma de coñecer, propón unha museoloxía herexe, afectiva e situada, que se constrúe entre pares, desde o desexo de vivir e desde a potencia do diverso. “Queremos museos que perpetúen a orde do coñecido ou espazos onde florezan novas subxectividades?”, preguntaba Paley. Musear non sería preservar o pasado, senón inventar vínculos, desafiar xerarquías e abrir portais cara a outros mundos posibles.

Construír comunidade no encontro

Ambas persoas convidadas coincidiron en que facer comunidade non é un lema baleiro nin unha etiqueta. É unha práctica que se constrúe desde o recoñecemento mutuo, desde o traballo conxunto, desde o afecto e a escoita. “O barrio é un facedor de comunidade”, dixo Paley, “pero tamén pode selo o museo se cambia os seus formatos e centra a súa acción nas persoas, non nos obxectos”.

Como migramos do museo herdado ao museo posible?

Esta conversa deixounos moitas pistas para despistar o rumbo tradicional do museo: pasar das coleccións ás conexións, asumir a ignorancia como punto de partida, abrirse ao imprevisto, recoñecer os coidados como unha forma de coñecemento e facer da hospitalidade un xesto político. Como peche da súa intervención, Germán deixounos unha invitación que facemos tamén nosa:
“Quizais non traballes nun museo, pero vives. E iso xa é un gran traballo. Como constrúes esperanza nun mundo hostil? Que vínculos tecen o teu día a día? Como podes converter o cotián nunha práctica cultural transformadora?”

Que outras ideas xurdiron na conversa?

No tramo final do encontro, as preguntas do público serviron para abrir novas pistas e reforzar algunhas das claves compartidas polas voces convidadas.

As actividades como pretextos para os vínculos

En lugar de pensar as actividades como produtos pechados ou accións puntuais, Germán e Susana propoñen entendelas como invitacións a ser, crear e vincularse. O foco non debe estar só na produción, senón en que esas actividades activen relacións, conversas e afectos que continúen no tempo. Como exemplifica Germán, un simple té fóra do museo con persoas maiores derivou nun vínculo afectivo que durou anos. “A actividade é un bo detonante“, di, “pero o importante é o que vén despois: a continuidade afectiva“.

Participación real ou simulacro?

Ambas voces coinciden en que a participación só é transformadora cando é xenuína. Dar voz non é suficiente se non hai consecuencias reais nin disposición a escoitar, deixarse afectar e modificar o rumbo. É preciso ceder poder real ás comunidades, aos colectivos convidados, ás persoas participantes. De non facelo, caemos nun simulacro de participación, que tranquiliza conciencias pero non transforma nada.

A cultura e os museos como escusa para xerar comunidade

Susana sintetiza esta perspectiva afirmando que “o museo é unha gran escusa, e a cultura tamén”. Máis que obxectivos en si mesmos, son plataformas para tecer redes, enlazarnos e dar sentido ao que facemos. Actividades como as que organiza Museo Situado —como o Picnic anual ou os espazos de voces situadas— son maneiras de reactualizar vínculos e manter vivas as comunidades afectivas, cun rol activo e sostido no tempo.

Ganas, afectos e desexos como motor

Germán propón seguir o camiño das ganas. Preguntarse que desexan as persoas, que queren facer, que necesitan, é unha forma radical de escoita que desactiva o control e activa a creación compartida. Para el, “non hai nada máis revolucionario que o afecto”, e nese camiño, os museos deben converterse en espazos socioafectivos, clubs de encontro e lugares para construír esperanza nun mundo hostil.

Como poden os museos incidir politicamente desde as experiencias concretas?

Desde o público xorde unha pregunta clave: como pasar de experiencias inspiradoras a políticas públicas? Germán responde con claridade: incidindo, pero para iso é imprescindible saber por que e para que facemos museo. Se non poñemos as persoas no centro, se non activamos cultura con “s” —no plural, desde a diversidade—, corremos o risco de quedarmos en accións illadas, sen continuidade nin transformación estrutural.

Museos sociais?

Encarna Lago, directora da Rede Museística Provincial de Lugo, ofreceu tamén unha reflexión que resoou con forza: “Se un museo non xera conexión, non é un museo. É un almacén de obxectos mortos e inertes.” A súa intervención reforza a idea de que un museo sen compromiso co benestar humano non cumpre a súa definición. Os obxectos que alberga son testemuños humanos e, como tal, deben poñerse ao servizo da xustiza social, da participación real e da transformación colectiva.

Seguimos #TecendoRede para aprender xuntas como construír museos e espazos culturais vivos, críticos e comprometidos co benestar colectivo.

Unha vez finalizado o ciclo, abrimos os contidos para que poidas seguir explorando, reflexionando e compartindo. Se queres ver a conversa completa, acceder aos documentos e recursos compartidos deste ciclo impulsado desde a Rede Museística Provincial de Lugo, podes facelo nos seguintes espazos:
🔗 bencuriosa.gal/portfolio/estratexias-de-museoloxia-social-dialogo-intercultural-e-diversidade
🔗 comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2025

Publicacións similares