Como se transforma a comunicación cultural nun mundo hiperconectado?
Entre abril e maio mergullámonos nun novo bloque formativo do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC, centrado na comunicación cultural e a estratexia dixital. Unha aprendizaxe intensiva para entender como deseñar plans de comunicación eficaces, analizar datos que nos axuden a mellorar e conectar coa cidadanía a través dos medios e das redes.
Durante varias semanas exploramos, da man de persoas expertas, como mellorar a visibilidade, o impacto e a relación coas audiencias nos proxectos culturais.
Comezamos cunha visita á Cidade da Cultura, onde a directora de Acción Cultural, Verónica Santos, compartiu o novo enfoque estratéxico da Fundación. A seguir, Conxa Rodá, co-directora do Congreso Internacional de Museos y Estrategias Digitales CIMED, guiounos nunha sesión sobre como integrar a estratexia dixital nas organizacións culturais.
Sonia Díaz, docente e titora do curso, acompañounos ao longo de todo o proceso formativo e afondou nas claves para deseñar un bo plan de comunicación cultural, coa mirada posta nos obxectivos, nos públicos e na identidade de cada proxecto.
Ademais, Marián Fernández (O Cable Inglés), Lucía Pita (The Office), Belén López (Diario de Pontevedra) e Daniel Salgado (eldiario.es) achegáronnos as súas visións sobre como contar cultura desde as axencias e os medios, nun diálogo moi necesario para entender que precisa cada parte para facer chegar as mensaxes culturais.
O bloque completouse con José Ramón Porto, codirector do Mestrado en Marketing Dixital da USC, que nos introduciu no marketing dixital como ferramenta para o sector cultural, e Andreu Garrido (Teknecultura), quen afondou na avaliación e análise de datos como base para a toma de decisións.
Nesta viaxe tamén achegámonos aos contidos dixitais e ás redes sociais, da man de Andrea Villa (Carballo Interplay) e María Rúa (Prado Rúa), que partillaron as súas experiencias sobre narrativas en galego, formatos dixitais e creación de comunidade.
E como parte das aprendizaxes conectadas, participamos tamén nos Diálogos Inspiradores de LIES_GA, centrados na cultura e o cooperativismo como motores de transformación social, con voces como Isabel Neira, Juan José Couce Prego e María Villamarín (Númax Coop).
💡 Un bloque formativo completo para seguir #aprenderfacendo e #aprendercompartindo no camiño dunha comunicación cultural máis estratéxica, crítica e conectada coa sociedade.
🔗 Un resumo de cada unha das sesións, como sempre, está recollida de forma aberta e colaborativa no blog do posgrao: usc.xestioncultural.com/blog