Que recursos e perspectivas temos para coidarnos as profesionais da xestión cultural?
As condicións laborais das profesionais da xestión cultural son unha peza clave para garantir os dereitos culturais. Sen recursos nos servizos públicos de proximidade, sen equipos especializados e sen coidados compartidos entre nós, dificilmente poderemos ofrecer un acceso real e sostido á cidadanía cultural.
Con este punto de partida, o noso compañeiro Sergio Lago participou na xornada profesional “O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura”, celebrada no Pazo de Mariñán e promovida pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Na súa intervención, titulada “Coidar de Nós: recursos e perspectivas laborais para a profesión”, compartiu unha revisión dos últimos avances, enfoques sectoriais e documentos clave sobre a situación laboral na xestión cultural, tanto no ámbito galego como estatal e internacional. A súa achega insistiu na necesidade de avanzar cara a modelos de traballo máis sustentables, nos que o recoñecemento profesional, a saúde e o benestar das persoas estean no centro.
Esta participación forma parte da liña de traballo coordinada por Sergio para a AGPXC desde hai anos co proxecto Coidar de Nós, para coidar da cultura, que podes coñecer con máis detalle aquí: bencuriosa.gal/portfolio/coidar-de-nos-para-coidar-da-cultura
Toda a documentación actualizada deste proxecto, así como recursos útiles para profesionais da cultura, pode consultarse en: coidardenos.xestoresculturais.gal
A xornada foi tamén unha ocasión para celebrar e compartir. Tivemos a alegría de acompañar á nosa querida Madó Santos, que recibiu o Premio do Castro á Xestión Cultural Galega pola súa traxectoria exemplar tecendo cultura coa veciñanza de Muros. Un recoñecemento máis que merecido para unha muller que é historia viva da nosa profesión.
Cremos profundamente na necesidade de crear espazos de encontro e aprendizaxe compartida. Por iso, agradecemos moito o convite da AGPXC para participar nesta cita tan necesaria.

