Esta fin de semana tivemos ocasión de visitar O Courel da man da Fundación Uxío Novoneyra. O obxectivo era coñecer de primeira man o territorio e a súa cultura. Así como unha proposta formativa relacionada coa xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural.
Un convite que chegou ao CEU en Xestión e Innovación Cultural que coordinamos na Universidade de Santiago e que posibilitou esta visita ás montañas lucenses
Entender a paisaxe da man da cultura
A primeira parada foi na Estación Científica do Courel. Alí puidemos achegarnos á serra como territorio literario, a través do magnífico relato de Uxío Novo.
E coñecemos en detalle o MOOC sobre xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural .
Esta proposta formativa, desenvolta por varias entidade, é gratuíta. E pretende facilitar unha formación transversal arredor de paisaxe, territorio e cultura.
No corazón da Fundación Uxío Novoneyra
Xunto co alumnado e os docentes do CEUXiC tivemos a ocasión de coñecer de preto as aldeas de Seoane e Parada. E gozar dun completo programa cultural! Propostas e percorridos que nos levaron tamén a tecer rede con persoas doutras entidades.
O boche de ouro da fin de semana púxoo a Fundación Uxío Novoneyra, cunha magnífica visita guiada á casa do poeta courelán. Un lugar que, a día de hoxe, é o corazón da fundación e escenario de diversas iniciativas. Dende residencias literarias ata o Festival dos Eidos.
Sexa quen sexa o guía, esta visita é magnífica. E fundamental nunha viaxe ao Courel!
Pero nós, ademais, tivemos a inmensa sorte de percorrer a casa, e entender o legado que contén, da man de Uxío Novo. O último agasallo que nos deu nesta viaxe foi a xenerosidade de completar o relato coas súas propias lembranzas. E deixarnos repousar a emoción ao sol, no xardín onde descansa Uxío Novoneyra.