Os nosos axentes creativos

Os nosos axentes creativos

Os Laboratorios Itinerantes de Cultura Dixital conectan a entidades, asociacións e proxectos locais con profesionais relacionados co ámbito dixital para favorecer o intercambio de coñecemento.

Para iso, dende BenCuriosa tecemos unha rede de axentes creativos. Estas son as persoas que forman parte dela.


Merenda Creativa

Merenda Creativa é un colectivo que achega a creación audiovisual a un público xenérico. Caracterízase por facelo dun xeito ameno e humano, como se dunha merenda entre amig*s se tratase. Céntranse na formación e na creación de contido audiovisual, pero tamén aplica esta disciplina a outros proxectos culturais (musicais, escénicos…).

Illa Bufarda

Nun punto latitudinal do Mar Cantábrico que coincide cun eixo lonxitudinal do océano Atlántico emerxeu no 2012 unha pequena superficie de terra que se deu en chamar Illa Bufarda. Foi albiscada, no instante no que aflorou, polas súas primeiras habitantes: Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. Pasado o tempo, no 2019, Pilar Abades chega a illa para habitala. Dende entón na Illa Bufarda agromaron múltiples traballos creativos que pivotan arredor da linguaxe audiovisual e que se espallan por terra firma a través de diferentes formatos coma o deseño, a fotografía, o vídeo e o cinema. A experiencia e a paixón levou ás súas habitantes a realizar múltiples obradoiros nos que inciden na necesidade de cuestionar estereotipos e conductas normalizadas nos medios de comunicación.

Gingko

En Gingko traballan nos eidos da comunicación e a educación coa idea de que comunicar é un proceso cognitivo e social inherente ao proceso de aprendizaxe. María Lobo e Roi Guitián son profesionais destes dous ámbitos e están especializados en produción audiovisual. A súa traxectoria en común comeza no 2003, con Producciones Itinerantes e logo con Vacalume; paralelamente, teñen traballado para outras organizacións, produtoras e medios de comunicación. Dende o 2013 traballan en Comunicación e Educación como Gingko.

Ruth Sousa

Formada en realización audiovisual, a súa traxectoria profesional estivo ligada inicialmente ao departamento técnico da televisión galega e de varias produtoras.  Posteriormente, desenvolveu noutros medios perfís vinculados á redacción de contidos, especialmente no Grupo Voz, tanto na radio e o xornal como, principalmente, a súa canle de televisión.

Nos últimos anos, ademais de colaborar puntualmente nalgúns medios e desenvolver traballos audiovisuais, reorientou o seu interese profesional cara o ámbito da cultura. É experta en Xestión Cultural pola USC, ademais de especialista en Estratexias Dixitais en Institucións Culturais pola UOC.

É socia de BenCuriosa, dende onde, nos últimos anos, traballou en diferentes proxectos, a meirande parte das veces vinculada á súa comunicación e á creación de contidos.

María Masaguer

Formada en Historia e Conservación e Restauración de Bens Culturais, cun máster en Xestión de Patrimonio Cultural e outro de Facilitación da Aprendizaxe e Innovación . Traballa principalmente deseñando e acompañando procesos de xestión e creación colectiva de coñecemento. A súa traxectoria profesional inicia en México onde combina o traballo de conservadora co desenvolvemento de proxectos de xestión local comunitaria. De volta en Galiza participa na posta en marcha dunha oficina de urbanismo e participación, combinando a redacción de documentos estratéxicos e técnicos en materia de transformación urbana co desenvolvemento de accións formativas-reflexivas sobre os espazos habitados. Na actualidade colabora como asesora en proxectos de investigación no
Incipit-CSIC, acompaña un proceso de aprendizaxe e servizo entre e ONG Farmamundi e a Facultade de Traballo Social da USC e participa no proxecto ViteArquiva.

Antón Varela

Antón Varela é creador audiovisual. Formado en Comunicación Audiovisual pola UDC e en Estudios de Cinema e Audiovisual Contemporáneo pola Pompeu Fabra, nos últimos anos tense adicado á creación de contidos para rede. En 2016 gaña o Premio á Mellor Webserie de Animación na “III edición do Carballo Interplay” coa webserie Orfanato Atroz, disponible en Youtube. Máis tarde en 2019 recibe o Accésit nos III Premios María Luz Morales na categoría de “Ensaio escrito sobre audiovisual contemporáneo”. En 2020 publica a webserie documental Os 20 do XX para a revista Vinte, premiada no festival Carballo Interplay dese mesmo ano como mellor webserie en versión orixinal en galego. É o director e realizador do webdoc Artesanías Dixitais, impulsado dende BenCuriosa co apoio do Fondo Xacobeo 2021.