Vista dende o Pazo de Tor, relacionada coa proposta EdMS24 "Investigar e aprender no museo: outro tempo"

As Estratexias da Museoloxía Social, adicadas este 2024 a investigar e aprender no museo con outro tempo

Un ano máis a Rede Museística Provincial de Lugo confiounos o deseño e coordinación do seu programa de Estratexias de Museoloxía Social (#EdMS24). Unha comunidade de aprendizaxe virtual á que xa é posible inscribirse neste enlace. Nas súas dúas primeiras edicións –2022 sobre estratexias dixitais e 2023 arredor do benestar e avaliación do impacto social– contou con máis de 700 profesionais inscritas desde 35 países diferentes, na súa maioría de iberoamérica.
 

Nesta ocasión, e seguindo o lema proposto polo ICOM para o Día Internacional dos Museos, poñemos o foco na educación e a investigación no eido museístico, co tempo como fío condutor.

De aí o título escollido. Investigar e aprender no museo: outro tempo:

  1. m. Grado de celeridade na execución dunha composición musical e, por ext., dunha composición poética.
  2. m. Ritmo dunha acción.
  3. Sucesión das cousas considerada como un continuo e que se divide en intervalos regulares naturais (ciclos da lúa) ou convencionais (minutos).

Investigar, aprender e tempo de calidade para novas experiencias

#EdMS24 céntrase este ano en coñecer experiencias e debatir sobre educación e investigación nos museos e as condicións que  deberan darse para xerar contextos con tempo de calidade para que profesionais deste ámbito, outros axentes culturais e a propia comunidade poidan indagar, experimentar e aprender sobre as súas coleccións ou sobre as realidades sociais do territorio.

Máis alá de acumular cifras de visitas convencionais e ante a tentación de adaptarnos sempre ao que dicta o ritmo da sociedade actual, falamos da estratexia contraria: podemos e debemos ofrecer experiencias de investigación e aprendizaxe con outro tempo?

Ciclo de conversas en abril e obradoiro en setembro

Todo isto materialízase nun espazo virtual, na liña das anteriores edicións de Estratexias da Museoloxía Social. Nel, as persoas que se inscriban atoparán contidos contidos relacionados co eixo temático desta edición e acceso a un ciclo de conversas.

Este ciclo, que se desenvolverá tamén baixo o título Investigar e aprender no museo: outro tempo, ofrece a posibilidade de escoitar, inspirarse e debatir con profesionais de referencia relacionadas coa educación, a investigación e os museos e de diferentes lugares da contorna iberoamericana.

Ademais, no mes de setembro, #EdMS24 celebrará un obradoiro presencial no Pazo de Tor (Monforte). Será unha  xornada, de carácter intensivo que servirá para facer balance do escoitado, pero tamén unha reflexión crítica e traballar de xeito creativo en clave colectiva. Estará facilitado por Leonardo Casado e Violeta Bronstein.

Queres compartir este contido?
Subir