Un grupo de alumnos e alumnas da sexta edición do CEUXC participa na visita organizada dende o Curso a esta edición de Culturgal, convocada baixo o lema "A cultura que toca". O CEU en Xestión Cultural é un dos proxectos vinculados a formación no eido da xestión cultural que desenvolve BenCuriosa dende o ano 2014 na USC. A foto, tomada no Pazo da Cultura de Pontevedra, retrata ao grupo de persoas que participaron na visita diante do panel coa imaxe corporativa da Feira das Industrias Culturais.

Culturgal, “a cultura que toca”

Este outono Culturgal abriu de novo as súas portas. Trala anterior edición, marcada pola ausencia de público e a celebración en liña, a Feira das Industrias Culturais volveu ao Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema “a cultura que toca”. 

Para nós Culturgal sempre é unha cita importante. Pero este ano, coa perspectiva de re-atoparnos en persoa con outras compañeiras do sector e co alumnado do CEU en Xestión Cultural, tiña un aliciente extra.

A sexta edición do CEUXC puido por fin visitar Culturgal

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural  ten dende hai algúns anos carácter bienal. Neste curso académico 2021-22, concretamente, non se celebra. Pero si celebrou a súa sexta edición o curso pasado, no que a presencialidade estivo condicionada sempre pola evolución da covid.

Esta circunstancia -xunto coa celebración en liña da Culturgal- fixo que, a diferencia de edicións anteriores, o alumnado do CEUXC 2020-21 quedara sen visita á feira. Pero este ano, por fin, puidemos organizar para eles e elas unha xornada arredor desta cita.

Agardamos que a vindeira edición do Curso (2022-23) teña ocasión de visitar Culturgal. Pero tamén de gozar tanto da xornada como o fixemos coas compañeiras da sexta edición!

Cita co cooperativismo cultural

BenCuriosa é unha das moitas cooperativas que forman parte de Espazo Coop. E forma parte, xunto con outros modelos empresariais e entidades, do que se coñece como economía social.

Un sector representado en Culturgal a través dun stand que, ademais de ser un escaparate de propostas, foi tamén o espazo sobre o que artellar actividades e encontros de perfil profesional. Como, por exemplo, a xuntanza da sectorial de cultura de Espazo Coop, na que tivemos ocasión de participar.

Foi unha xornada enriquecedora, dende a perspectiva profesional. E tamén divertida, dende o momento no que puidemos compartila co alumnado da sexta edición do CEUXC. Agardamos repetir na vindeira edición!

Subir