Dúas rapazas acceden nun portátil aos contidos do curso que BenCuriosa imparte sobre cultura, dixitalización e transformación dixital para á área de Cultura do Goberno de Navarra. A imaxe fai referencia, concretamente, á sesión adicada aos públicos culturais no contexto dixital.

Por que os públicos determinan a nosa estratexia dixital?

Logo de tres semanas adicadas á dimensión interna da transformación dixital, a formación Cultura, dixitalización e transformación dixital que desenvolvemos para a dirección xeral de Cultura do Goberno de Navarra entra nunha nova etapa, cunha sesión en liña adicada aos públicos.

Ata o de agora falamos de diversas necesidades e competencias dixitais. Tamén de como e con que ferramentas virtuais favorecer o traballo en equipo e fortalecer estruturas colaborativas.

A partir de hoxe, comezamos a “mirar para fóra”, enfocando a transformación dixital da organización cara á súa comunidade.

Por que é importante coñecer aos nosos públicos?

En calquera proxecto, sexa presencial ou dixital, hai unha pregunta clave: para quen? E é necesario ter unha resposta o máis concreta posible.

Isto é así porque os nosos públicos determinan a nosa estratexia. E, por tanto, todo aquilo que pensamos, deseñamos, desenvolvemos e comunicamos dende a nosa organización.

Este coñecemento non adoita ser sinxelo. Por iso, no curso detémonos en afondar en cuestións como a análise ou a segmentación de públicos. Tamén en metodoloxías prácticas que nos poden axudar. 

Para iso tamén contamos coa participación, na sesión en liña correspondente a este bloque, de Beatriz R. Fontán, especialista neste ámbito e colaboradora de BenCuriosa.

E, unha vez que os coñecemos, que facemos?

O seguinte paso neste proceso ten que ver con que lle ofrecemos a ese público que xa temos detectado e definido. E cales son as propostas de valor que podemos aportarlles. É dicir, que servizos e actividades contemplamos para el, contando coas posibilidades que nos ofrece a contorna dixital.

O seguinte paso será falar, ao fío disto, dunha estratexia de comunicación dixital que nos conecte co público. Dende un enfoque realista e práctico, tendo en conta os recursos e a realidade das organizacións culturais de proximidade.

Se queres, podes saber máis deste modelo formativo. Clica aquí!

Subir