Jazmín Beirak Fran Quiroga

Políticas e dereitos culturais no centro da conversa

As políticas e os dereitos culturais teñen estado moi presentes en diversas propostas desenvoltas nos últimos meses dende o sector cultural.

No eido formativo, o CEU en Xestión e Innovación Cultural que coordinamos na USC tamén recolle esa inquedanza. Por iso, ambas cuestións están moi presentes nesta sétima edición.

Para ir un pouco máis alá e incorporar novas voces ao debate e a reflexión, o CEUXiC promove, este mes de abril, un par de actividades fóra do marco das aulas.

Conversas sobre políticas e dereitos culturais

A primeira delas o mércores 19 de abril na libraría Númax (Compostela) coa investigadora e política Jazmín Beirak como protagonista.

A autora do ensaio Cultura Ingobernable falará das súas reflexións arredor do modelo de políticas culturais, e da esencia mesma da cultura, con Fran Quiroga.

Fran Quiroga, ademais de investigador e mediador cultural, é coordinador da iniciativa Concomitentes e forma parte do equipo docente do Curso.

Cartaz da presentación de Cultura Ingobernable, de Jazmín Beirak. Un acto no que se falará de políticas e dereitos culturais da cidadanía

Tamén no Consello da Cultura Galega

A segunda proposta impulsada dende o CEUXiC celebrarase o xoves 20 de abril (11:00-13:30) no Consello da Cultura Galega e é o Encontro Políticas Culturais.

Esta actividade, igual que a do día anterior, é con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Cartaz do Encontro Políticas e Dereitos Culturais no Consello da Cultura Galega

Comenzará cunha panorámica das iniciativas lexislativas, estatais e internacionais promovidas arredor dos Dereitos Culturais da cidadanía, a cargo de Sergio Lago, coordinador do Curso.

Trala súa intervención teremos ocasión de coñecer, da man de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Museos, a Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia. A normativa, que se presenta como pioneira no contexto estatal, atópase actualmente en tramitación.

O encontro complétase coa mesa redonda “Dereitos culturais, puntos de consenso para unha protección lexislativa”, na que participarán Jazmín Beirak e o asesor de cultura na Deputación da Coruña e xestor cultural  Xavier Campos.

Subir