Pechamos xaneiro visitando o Pazo de Tor. Un dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo e que nestas datas acolle a proposta Encontros no rural: diálogo de saberes. Unha iniciativa transversal a diversos ámbitos. Entre eles, a cultura.
O primeiro foi achegarnos á historia e ao patrimonio de San Xoán de Tor a través dunha visita ao pazo, que hai meses reformulou a súa proposta museolóxica e museográfica a través de SoTERRAdas. Un proxecto que alcanza toda a Rede pero que ten en Tor o seu corazón.
Saberes, cultura e territorio
Encontros no Rural forma parte do I Foro Expandido da Museoloxía Social da Rede Museística e conecta, para propiciar a reflexión e o diálogo, a persoas vinculadas a diferentes áreas.
O primeiro dos encontros centrouse na educación e neste tocáballe á cultura. Unha posta en común de saberes que comezou cunha reflexión arredor do concepto de sustentabilidade.
A conversa, guiada por Encarna Lago, xerente da Rede Museística, contou coa participación da investigadora e comisaria de arte Blanca de la Torre, das xestoras culturais Fátima Teixeiro, Isabel Fernández e Alberto García xunto a Uxío Novo, da fundación Uxío Novoneyra, e os nosos compañeiros Sergio Lago e Ruth Sousa.
A partir de aí falamos de dereitos culturais e de leis que protexan tanto eses dereitos como os das profesionais da cultura. Falamos de palabras secuestradas (a propia sustentabilidade, sen ir máis lonxe) e a necesidade de recuperalas e resignificalas dun xeito honesto.
E contrastamos visións e pensamento coas artistas das residencias celebradas nestas últimas semanas no Pazo de Tor. Por unha banda, a poeta Yolanda Castaño, acompañada do tamén poeta Antón Lopo. E algunhas das creadoras que participaron na proposta [Da]TerraSemente[Dá]SementeTerra e o colectivo VacíoCero.
Un ciprés e un caderno de bitácora
Estes Diálogos de Saberes estanse a gravar, para crear un caderno de bitácora e un formato sonoro a partir de todas as voces diversas que participen neles.
Pero ademais, a xornada serviu para saldar unha débeda co propio pazo. E é que non se pode ter tal condición sen pombal, capela e ciprés. E o de Tor leva xa tempo enfermo e con poucas posibilidades de recuperación.
Así que, ademais de reflexionar, tocou coller o sacho para, entre todas, plantar e arroupar ao novo ciprés.