EdMS24

Estratexias de Museoloxía Social: Investigar e aprender no museo con outro tempo

Un ano máis, a Rede Museística Provincial de Lugo confiounos o deseño e a coordinación do seu programa formativo de Estratexias de Museoloxía Social (#EdMS24). Tras o éxito das dúas primeiras edicións –centradas en estratexias dixitais (2022) e benestar e avaliación do impacto social (2023)–, esta comunidade de aprendizaxe consolidouse como punto de encontro da museoloxía social, reunindo xa máis de 700 profesionais de 35 países, na súa maioría da contorna iberoamericana.

Nesta terceira edición, e seguindo o lema proposto polo ICOM para o Día Internacional dos Museos, poñemos o foco na educación e  investigación no eido museístico, explorando outros tempos para xerar experiencias de aprendizaxe e experimentación con máis impacto e sentido.

Dirixido a…

Profesionais da Rede Museística Provincial de Lugo e da comunidade iberoamericana da museoloxía social, con interese en repensar os museos como espazos de aprendizaxe e experimentación.

O que fixemos

  • Deseño conceptual e metodolóxico do programa
  • Coordinación de contidos e convidados/as
  • Creación e xestión da plataforma virtual en rede.bencuriosa.com
  • Organización de ciclo de conversas en liña
  • Coordinación de obradoiro presencial 
  • Difusión e comunicación do proxecto

O enfoque

Este ano #EdMS24 céntrase en coñecer experiencias e debater sobre educación e investigación nos museos, poñendo o foco nas condicións necesarias para xerar contextos con tempo de calidade que permitan aos profesionais do sector, axentes culturais e comunidades locais explorar, experimentar e aprender sobre as coleccións e os territorios.

Preguntámonos: máis alá de seguir o ritmo frenético da sociedade actual, poden e deben os museos ofrecer experiencias de investigación e aprendizaxe con outro tempo?

O equipo

  • Sergio Lago – Coordinación e deseño de contidos
  • Laura R. Duarte – Soportes web e contidos dixitais
  • Ruth Sousa – Área técnica e comunicación

Colaboramos con:

  • Encarna Lago (Rede Museística Provincial de Lugo) – Entidade promotora
  • Alexandra Rodríguez Rey (douserres) – Imaxe gráfica
  • O Cable Inglés – Xestión

Os resultados

📌 Ciclo de conversas (abril 2024) – Espazo de diálogo e inspiración con profesionais de referencia na educación, investigación e museos da contorna iberoamericana:

09/04 | Conversación #1. Rufino Ferreras (Educador de Museos e director da Área de Educación do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza) e Chiqui González (Xestora cultural, especialista en Infancias e Museos, ex-ministra de Innovación e Cultura da provincia de Santa Fe-Arxentina). 

16/04 | Conversación #2. Olaia Fontal Merillas (Directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España -OEPE) e Nayeli Zepeda (Mediadora e investigadora – México/EEUU).

23/04 | Conversación #3. Clara Boj (Artista, investigadora cultural e docente na U.P.V. Co-directora do Programa Experimental de Mediación y Educación a través del Arte Permea-Consorci de Museus de la Comunitat Valenciana y Universitat de València) e Esteban Torres Hormazábal (Xefe de Educación, Mediación e Audiencias do Museo Violeta Parra de Chile e Director de Museo de los Museos).

30/04 | Conversación #4.  María Cacheda Pérez (Xestora de patrimonio cultural e educación con perspectiva feminista e inclusiva. Área de Mediación da Axencia Catalana do Patrimonio Cultural) e Johanna Palmeyro (Museóloga, curadora pedagóxica e impulsora de Movimiento Justicia Museal).

📺 Recursos abertos xerados
Compartimos en aberto contidos, gravacións e recursos que estiveron a disposición das persoas inscritas na nosa plataforma formativa:





📌 Obradoiro presencial (setembro 2024) – No Pazo de Tor (Lugo), puxemos en común o aprendido nunha xornada intensiva para reflexionar e traballar creativamente en clave colectiva, facilitada por Leonardo Casado e Violeta Bronstein.

📺 Recursos abertos xerados

Compartimos o caderno de bitácora que dá conta dos diferentes momentos que amasamos ao longo desta xornada presencial de peche do proxecto.

🔗 Saber máis