Como poden as institucións culturais afrontar o racismo estrutural e comprometerse cunha representación real da diversidade?

Nesta segunda conversa do ciclo iberoamericano Estratexias de Museoloxía Social, que coordinamos para a Rede Museística Provincial de Lugo, propuxémonos reflexionar colectivamente sobre os cambios internos imprescindibles, as estratexias e as prácticas necesarias para avanzar cara a unha museoloxía e unha xestión cultural capaces de despregar todo o potencial transformador da cultura na loita contra as desigualdades raciais.

Contamos para iso con dúas voces que nos ofreceron un diálogo de altura:

  • Diego Salazar é xestor e investigador cultural colombiano afincado en Barcelona. Director de Connectats Cooperativa e cofundador de Fes!Cultura, desde onde impulsan programas que promoven a transformación ecosocial e a participación activa de persoas migrantes e racializadas no ecosistema cultural. Participou en iniciativas como a Carta aberta sobre Dereitos Culturais Migrantes ou o manifesto Cultura migrante: 12 propostas urxentes e actualmente é relator do eixe de “Diversidade étnico-racial” do esperado Plan de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura.
    .
  • Zinthia Álvarez Palomino é xornalista, escritora e investigadora militante especializada en migracións internacionais, cunha traxectoria centrada na defensa dos dereitos das persoas afrodescendentes desde unha perspectiva afrofeminista e interseccional. Residente en Galicia, foi unha das fundadoras do colectivo Afrogalegas e actualmente forma parte do colectivo Afroféminas. É autora de libros como Eu, muller migrante, Mulleres negras na ciencia e Mulleres negras na filosofía, e impulsa o proxecto Mulleres negras que cambiaron o mundo, que visibiliza referentes históricos silenciados.

Que ideas quedaron na conversa?

Antes de compartir algunhas das ideas que xurdiron na conversa, queremos agradecer a Adela Vázquez Veiga (adelavv.com), que xenerosamente nos fixo chegar as que a ela máis lle resoaron nesta estupenda relatoría gráfica 😊

O racismo estrutural como sistema de poder

Unha reflexión compartida é que non se trata simplemente de actitudes individuais ou prexuízos, senón dun sistema que controla saberes, linguaxes, representacións e, en definitiva, quen ten dereito a existir, narrar ou decidir no ámbito cultural. Fronte a iso, proponse situar o pluralismo cultural como marco central, revisando narrativas, promovendo formación antirracista e xerando espazos de participación real.

Acceso e representación nos contidos non son suficientes: hai que ceder poder

A diversidade non se resolve con representación estética ou anecdótica. Falamos de redistribución de recursos, de lexitimidade e de poder institucional. A transformación real require incorporar persoas migrantes e racializadas nos equipos, nos espazos de decisión e nos programas culturais. “Non se trata só de que a diversidade estea representada, senón de que teña capacidade de decisión.”

Traballar desde a fricción

Salazar propuxo substituír a noción de hibridación —habitual nos discursos institucionais— pola de fricción cultural, recoñecendo que a relación entre culturas é desigual, atravesada por xerarquías e feridas. “Non todo encontro cultural será amable. Hai lugares que non están ocupados e que xeran fricción ao ser disputados. Temos que acostumarnos a traballar desde aí.”

En diálogo con Encarna Lago, directora da Rede Museística Provincial de Lugo, recoñeceron que traballar desde o conflito é necesario, que fomos educadas para o consenso, pero que as institucións culturais tamén deben asumir o conflito como parte do proceso de transformación.

A acción institucional require datos e vontade política

Para avanzar cara a estruturas máis xustas e representativas, hai que analizar quen participa, quen non e por que. Diego compartiu o exemplo do Concello de Barcelona, onde un 33% da poboación naceu fóra do Estado, pero só o 1,8% do persoal municipal tamén. “Con eses datos, xa podemos establecer políticas activas para corrixir esa fenda.” En cultura, esta análise é aínda máis urxente, xa que moitas institucións funcionan con lógicas monoculturais e eurocéntricas.

Crear espazos de oportunidade e acompañamento

A transformación cultural require abrir espazos de oportunidade e acompañar procesos liderados por axentes culturais racializados, desde a formación á creación de memoria colectiva. Salazar compartiu exemplos como Fes!Cultura, laboratorios de creación para proxectos con impacto social, ou En Palabras, un colectivo de escritura creativa conformado por persoas migrantes e racializadas.

Estas iniciativas contribúen a recoñecer saberes e prácticas emerxentes, a visibilizar referentes e a construír novos arquivos culturais desde dentro das comunidades.

Podes acceder aquí á presentación coas principais ideas compartidas por Diego Salazar na conversa.

Unha mirada crítica e profunda sobre a diversidade

Como peche, compartimos a reflexión completa de Zinthia Álvarez Palomino, que lanzou unha chamada contundente a revisar os fundamentos mesmos do sistema cultural:

“Seguir hablando de afrontar el racismo estructural y comprometerse con una representación real de la diversidad sin entender que la organización de nuestra sociedad sigue basada en jerarquías raciales, epistémicas y geopolíticas es una forma de reproducir silenciosamente las mismas estructuras de exclusión.

Porque estas jerarquías, nos gusten o no, seamos conscientes o no, siguen determinando quién es considerada artista y quién una artesana, qué se legitima como cultura y qué se reduce al folklore, qué creaciones son reconocidas como arte y cuáles son relegadas al decorativismo o a las artesanías.

Deciden, además, qué significa ser artista, qué cuerpos y relatos son dignos de exhibirse en un museo, qué objetos pueden ser poseídos y por quién, y quién tiene derecho a narrar su historia.

Y sin contar quién puede acceder a esos espacios y bajo qué condiciones, porque no es lo mismo entrar a un museo como curadora de arte o artista que como visitante, o ser la mujer negra que se encarga de la seguridad, o la que te espera a la salida, en las escaleras, para pedirte algo de dinero. Porque sí, hay ciertos cuerpos sobre los que se ha configurado la pobreza: las obreras de este sistema capitalista. Y esa jerarquización también tiene que ver con la historia colonial y, en definitiva, con la representación que hacemos de ciertos grupos de personas en los espacios culturales.

No cuestionar esto implica seguir usando el poder institucional para perpetuar la supremacía del saber colonial, presentándola como neutral o universal. Es continuar hablándole a la diversidad desde una posición de superioridad, sin desmontar las lógicas heredadas de la trata transatlántica y la modernidad/colonialismo, que aún definen qué conocimientos importan, qué memorias se validan y qué voces se silencian.”

A reflexión completa nas súas redes →

Seguimos #TecendoRede para aprender compartindo como construír unha acción cultural crítica, inclusiva e comprometida coa diversidade.

Unha vez finalizado o ciclo, abrimos os contidos para que poidas seguir explorando, reflexionando e compartindo. Se queres ver a conversa completa, acceder aos documentos e recursos compartidos deste ciclo impulsado desde a Rede Museística Provincial de Lugo, podes facelo nos seguintes espazos:
🔗 bencuriosa.gal/portfolio/estratexias-de-museoloxia-social-dialogo-intercultural-e-diversidade
🔗 comunidadermpl.gal/estratexias-de-museoloxia-social-2025

Publicacións similares