O ciclo “Acceso á cultura 2025” culmina o seu percorrido cunha reflexión colectiva sobre interseccionalidade
Catro meses despois do seu comezo, o proceso colectivo impulsado dende a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega -da que forman parte os nosos compañeiros Sergio Lago e Marcos Lorenzo– chegou ao seu fin. Alomenos no que respecta á celebración dos encontros nas catro provincias, que tiveron como obxectivo recoller información e debater sobre as distintas dimensións do acceso á cultura.
Ás sesións sobre a participación da cidadanía, celebrada o mes de marzo en Boiro, e á adicada a cultura en territorio do mes de abril en Allariz, seguiulle unha xornada que enfocaba o acceso á cultura dende a comunicación celebrada en maio en Soutomaior e esa última celebrada no Museo-Pazo de Tor (Monforte), sobre acceso á cultura e interseccionalidade.
A perspectiva interseccional da cidadanía
Este último encontro do ciclo estivo coordinado por Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, e citou a persoas relacionadas coa cultura e arte, co terceiro sector e con diferentes ámbitos políticos,ademais de veciñanza da contorna que forma parte da comunidade do museo.
A idea era xerar grupos de diálogo e reflexión heteroxéneos, guiados por palabreiras –unha delas, a nosa compañeira Ruth Sousa- que, seguindo a tradición da cultura wayuu, debían “mediar no conflito”. Isto é, escoitar primeiro para poder facilitar o percorrido da conversa cara os puntos de reflexión desta xornada: sabemos que son os dereitos culturais? Sabemos como exercelos? Aemais dunha cuestión clave: que é a interseccionalidade e como pode axudarnos no exercicio deses dereitos.
“O dereito último é con todos ou non é un dereito para ninguén” podería ser unha boa definición a esta última pregunta. Ao ser grupos de xente diversa cada un deles tivo unha dinámica de conversa e de reflexión distinta e conclusións tamén distintas que, entodos os casos, se formularon no como ideas pechadas, senón como puntos de partida.
Foi tarefa dos palebreiros e palabreiras expoñer o traballo do seu grupo, como última acción deste último proceso de reflexión colectiva do ciclo.
Como peche da xornada, a compañía Experimenta Danza presentou “Non me toques o segredo”, unha creación que afonda nas feridas das desigualdades e que puxo o broche de ouro á xornada.
Un encontro que non só serviu para recoller información. Tamén para xerar comunidade arredor dun dereito que non todas as persoas acaban de definir e mesmo atopar na vida cotián, pero que desexan e agora, ademais, recoñecen como seu.
Toda a información e documentación xerada no proceso, tamén audiovisual, está dispoñible na web do Consello da Cultura Galega.









