Museo da Migración da RMPL
O Museo Virtual da Migración é unha iniciativa realizada para a Rede Museística Provincial de Lugo, onde ideamos e deseñamos un novo espazo dixital para escoitar, comprender e transformar a mirada sobre as migracións. Nace como ferramenta educativa, espazo de activismo polos dereitos humanos e lugar de acollida simbólica para todas aquelas voces que conforman as experiencias migrantes.
Desde unha perspectiva de museoloxía social e cun enfoque participativo, este museo sen muros parte da experiencia galega de ida, volta e acollida, pero transcende fronteiras cunha vocación universalista. A proposta articúlase arredor de catro grandes seccións (Investigación, Colección, Educación e Actividades) e funciona como repositorio de contidos, plataforma de aprendizaxe e dispositivo para o recoñecemento mutuo.
Dirixido a…
Profesionais da educación e da cultura, entidades sociais, colectivos de persoas migrantes, activistas polos dereitos humanos e calquera persoa interesada en repensar as migracións desde unha perspectiva crítica, empática e transformadora.
O que fixemos
- Ideación e conceptualización do museo virtual como espazo autónomo de aprendizaxe e activismo dixital.
- Deseño de contidos e narrativa museográfica para as seccións principais.
- Coordinación de procesos e comisariado das voces da colección.
- Documentación e elaboración da liña do tempo da sección Investigación.
- Selección e contextualización de recursos educativos para traballar a migración desde o ámbito pedagóxico e cultural.
- Desenvolvemento dunha estratexia de comunicación e deseño de contidos para redes sociais.
O enfoque
O Museo da Migración da RMPL parte dunha concepción ampla da cultura como dereito e espazo de transformación social. Baseado nos principios da museoloxía social que inspiran toda a actividade da RMPL, o museo aposta por facer visibles as migracións como parte esencial da historia e do presente da sociedade galega, superando a dicotomía entre “nós” e “eles”.
As seccións do museo abren arquivos e experiencias acumuladas desde a Rede, incorporando voces reais, recursos educativos e proxectos en curso. A narrativa convida á pausa e á reflexión, priorizando contidos significativos, coidados na súa forma e conectados emocionalmente coas visitantes.
O proxecto aposta por unha mirada intercultural que promova o diálogo, a empatía e a transformación social, e por unha dimensión dixital viva, accesible e en permanente construción.
O equipo
- Sergio Lago – Ideación, conceptualización e coordinación xeral
- Ruth Sousa – Documentación, liña do tempo e coordinación de actividades
Colaboramos con
- Encarna Lago (Rede Museística Provincial de Lugo) – Entidade promotora
- Sergi Hernández – Deseño e desenvolvemento web (orsieg)
- Ta ta ta – Imaxe gráfica corporativa
- Sofía Caamaño Deus – Comunicación e contidos redes sociais
- Isabel Vila – Deseño de contidos para redes
- Xeneme Innovación Social – Xestión do proxecto
Os resultados (proxecto en marcha)
- Creación dun espazo dixital museístico accesible en galego e castelán.
- Estrutura narrativa en catro seccións: Investigación, Colección, Educación e Actividades.
- Recollida e publicación de testemuños reais.
- Desenvolvemento de materiais e recursos recomendados para contextos educativos e culturais.
- Arquivo dixital do traballo realizado pola RMPL en torno ás migracións e a interculturalidade.
- Comunicación e contidos dixitais como ferramenta innovadora de sensibilización e activismo polos dereitos humanos.









