Como garantir o acceso á cultura para todas as persoas?

Sabemos que son os dereitos culturais? Exercémolos? Como se garante o acceso á cultura no noso país? Estas foron algunhas das preguntas que guiaron o ciclo “Acceso á cultura en Galicia”, promovido pola Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega, da que os nosos compañeiros Sergio Lago e Marcos Lorenzo forman parte desde a súa creación. Actualmente xunto a Roberto Pascual, Encarna Lago, Alberto García, Marián Fernández, Paula Cabaleiro e Uxía Caride.

Entre marzo e xuño, máis de 360 persoas participaron en diferentes encontros nas catro provincias galegas , co obxectivo de reflexionar colectivamente sobre o dereito á cultura e visibilizar novas voces e experiencias.

Cada encontro centrouse nunha das dimensións que condicionan o acceso real á cultura: a participación cidadá, o territorio, a comunicación e a interseccionalidade. As sesións tiveron lugar en Boiro, Allariz, Soutomaior e Monforte de Lemos, funcionando como espazos de escoita activa, aprendizaxe compartida e identificación de retos.

Na última xornada, celebrada no Museo Pazo de Tor, a nosa compañeira Ruth Sousa participou como palabreira nun encontro especialmente centrado na mirada interseccional, poñendo o foco en como garantir un acceso equitativo que recoñeza a diversidade das nosas realidades e faga da cultura un verdadeiro espazo de encontro, acollida e transformación social.

En outubro presentáronse en Antas de Ulla as principais conclusións do proceso, entre as que destacan:

– A importancia de incorporar a cidadanía e os colectivos vulnerabilizados na toma de decisións culturais
– O recoñecemento do papel das profesionais da cultura como axentes de cambio social
– A centralidade dunha mirada interseccional, que teña en conta todas as variables que nos atravesan: xénero, orixe, diversidade funcional, idade, clase social ou territorio.
– A necesidade dunha comunicación institucional máis clara e accesible

Un pracer formar parte deste proceso colectivo que demostra que acceder á cultura non é un luxo, senón un dereito fundamental, e que para garantilo precisamos políticas públicas valentes, recursos axeitados e procesos participativos reais.

Toda a documentación das xornadas está dispoñible na web do Consello da Cultura Galega

Publicacións similares