Compartimos experiencias arredor da museoloxía social
Tivemos a sorte de visitar de novo o Pazo de Tor, un dos catro museos que forman parte da Rede Museística Provincial de Lugo, convidados a participar nun encontro moi especial.
A actividade formou parte do programa do “Proxecto ORGANISMO – Arte en Ecoloxías Críticas”, impulsado polo Museo Nacional Thyssen-Bornemisza e TBA21-Academy, que tiveron en Lugo unha serie de encontros arredor da museoloxía social.
O obxectivo: abrir espazos de diálogo e reflexión a partir de proxectos comunitarios que conectan arte, territorio e xustiza social. Un contexto no que a Rede Museística leva anos traballando desde unha práctica situada.
Foi un pracer compartir ideas e aprendizaxes neste marco, e tamén reencontrarnos con amigos e compañeiros de proxectos, como Leonardo Casado ou Uxío Novoneyra, coas súas propostas sempre tan conectadas co territorio e a vida.
Saímos inspiradas, con novas preguntas e moitas ganas de seguir profundando no que pode ser hoxe un museo: un espazo vivo, en relación coas comunidades e atento ao presente.