Encontro de BenCuriosa e alumnado do CEU en Xestión Cultural da USC coa organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. A imaxe correspóndese cun momento do encontro, no Pazo de Cultura de Carballo, co concelliro de Cultura, a técnica e a monitora de Cultura e o presidente da asociación cultural Telón e Aparte, como responsables da organización do festival.

Viaxamos a Carballo para coñecer o FIOT dende dentro

A experiencia formativa do CEU en Xestión Cultural, que coordinamos na USC, non finaliza nas aulas. Por exemplo, regularmente organizamos visitas e encontros coa comunidade de profesionais que participou no Curso, como alumnado ou docentes.

Nesta liña, esta fin de semana tivemos o pracer de coñecer dende dentro o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Esta iniciativa é impulsada pola AC Telón e Aparte e o Concello de Carballo.

A visita ao FIOT Carballo era obrigada dentro da nosa liña de interese vinculada ás boas prácticas na xestión cultural. Tanto polos trinta anos do FIOT como polas distincións que falan da súa calidade como proposta cultural.

Entre elas o Banco de Boas Prácticas da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, o Premio da Cultura Galega (2018) na categoría de Artes Escénicas ou a mención do Observatorio da Cultura en España como unha das dez iniciativas relevantes de Galicia.

A historia da nosa viaxe ao FIOT Carballo

Esta visita ao FIOT podería ter sido en calquera edición, pero foi nesta grazas ao convite de María Veira, monitora de Cultura do Concello de Carballo, membro da asociación Telón e Aparte e alumna da sexta edición do CEU en Xestión Cultural da USC.

Aprendemos moito sobre como se xestiona, deseña e mima con agarimo un proxecto cultural. Pero tamén puidemos gozar de varias das actividades programadas.  E fixémolo, ademais, cun grupo de alumn*s do CEUXC, que participou nesta visita connosco.

Queres saber máis da nosa experiencia no FIOT? Visita o blog do Curso, ao que puedes acceder desde aquí! E, por suposto, non deixes pasar a ocasión de ter a túa propia experiencia ;)

Subir