Cultura, dixitalización e transformación dixital en Navarra
Estes días comezamos unha nova edición da formación Cultura, dixitalización e transformación dixital para a Dirección Xeral de Cultura de Navarra. Está dirixida a profesionais do sector cultural desta comunidade.
O curso desenvólvese integramente en liña. Combina sesións presenciais unha vez por semana con contidos que se publican, tamén semanalmente, a través da nosa plataforma dixital. Nestas unidades temáticas as participantes poden avanzar de maneira autónoma.
Que cuestións aborda a formación?
O curso ofrece un percorrido completo por todo o que implica a transformación dixital na cultura de proximidade. Continúa así nunha liña similar á da primeira edición.
Nestes primeiros días, as participantes están a achegarse a unha perspectiva xeral da xestión cultural na contorna dixital, que inclúe cuestións como hábitos culturais e fendas dixitais.
Nas vindeiras semanas, abordarán competencias dixitais (xestión de datos, seguridade dixital e propiedade intelectual, entre outras cuestións). Tamén claves da cultura organizacional dende a perspectiva dixital, en canto a ferramentas e dinámicas para o traballo colaborativo, así como públicos e estratexia dixital e comunicación dixital.
Cun peche de curso adicado aos novos camiños dixitais dos que estar pendentes no futuro máis inmediato.
A transformación dixital no sector cultural
Este curso responde á necesidade de actualizar competencias, ferramentas e prácticas na contorna dixital de moitos profesionais do sector cultural especialmente en contextos de proximidade. Pero tamén á necesidade de facelo cun enfoque realista e práctico. Porque sempre debemos adecuarnos aos recursos reais (medios, tempo, persoas) das organizacións.
A primeira edición desta formación para a Dirección Xeral de Cultura de Navarra celebrámola na pasada primavera. Trala boa acollida, atopámonos xa inmersas, como che estamos contando, nunha segunda quenda.
Tamén en Galicia desenvolvemos unha formación similar. Foi para a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta. Foi no outono do 2020 e nela participaron máis de 250 persoas, entre profesionais, activistas e persoas en formación vinculadas ao sector cultural.