|

“Se chego a sabelo antes!”: un ciclo, seis propostas e un cento de profesionais compartindo experiencias e aprendizaxes do día a día da xestión cultural

Cos seis encontros e obradoiros celebrados entre outubro e novembro, o ciclo “Se chego a sabelo antes!” pecha súa proposta formativa dirixida a profesionais da xestión cultural en Galicia neste 2024. Abordáronse cuestións laborais, económicas e legais vinculadas ao traballo no sector cultural, tanto no ámbito público como no privado.

O ciclo enmárcase no proxecto Coidar de Nós, promovido pola AGPXC, coordinado por Sergio Lago e desenvolvido este ano co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Un peche presencial con ferramentas para coidar(nos)

O ciclo rematou o 20 de novembro cun obradoiro presencial en Santiago de Compostela: “TE(n) CUIDADO. Ferramentas para a articulación colectiva”, facilitado polo colectivo Larre no espazo O Gabinete.

Larre é un colectivo con base en Barcelona que traballa na intersección entre mediación cultural, investigación, creación artística e pedagoxía crítica. A súa Caixa de Ferramentas, que presentaron en Compostela despois de Bilbao e Barcelona e antes de chegar a Matadero Madrid, propón dez recursos prácticos para entender e organizar o valor dos coidados como motor de transformación social. A socialización destas ferramentas conta co apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso.

Seis encontros, seis focos

Desde outubro, celebráronse outros cinco encontros centrados en aspectos clave da profesión:

📅 17 de outubro | Deputación da Coruña
Encontro sobre a realidade laboral nas administracións públicas.
Participaron a Deputada de Cultura, Natividade González, o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, e o coordinador do proxecto, Sergio Lago. Compartíronse experiencias galegas e contrastouse a realidade coa de Navarra, a través da intervención da técnica municipal Betisa Anda (KUNA).

📅 26 de outubro | Desde BAM Betanzos (en liña)
“Os primeiros pasos laborais na xestión cultural”, moderado por Sara Fraga, dirixido a novas xeracións que se incorporan ao sector.

📅 30 de outubro | Desde Arteixo (en liña)
“E canto cobro? Traballar por conta propia na xestión cultural”, facilitado pola cooperativa 50pés, con Helena Sanmamede e Mariola Mourelo.

📅 6 de novembro | Desde Carral (en liña)
Encontro sobre fórmulas de traballo colectivo, con especial atención ao cooperativismo cultural. Moderado por Emi Candal, de Urdime.

📅 13 de novembro | En liña
“Auto-coidados, co-coidados e saúde mental na xestión cultural”, facilitado por Rosana Corbacho, psicóloga especializada no ámbito musical e artístico, con ampla experiencia internacional.

A combinación de formatos presencial e telemático permitiu maior participación e adaptabilidade. O ciclo contou con case cen persoas inscritas, moitas das cales participaron en máis dun encontro.


O proxecto Coidar de Nós

O proxecto coidardenos.xestoresculturais.gal naceu en 2022 para abordar as condicións laborais da xestión cultural. Entre os seus obxectivos principais están:

  • Fomentar unha concienciación colectiva sobre os coidados e o benestar no sector.
  • Promover prácticas sostibles e solidarias entre axentes culturais.
  • Mellorar o coñecemento laboral, financeiro e legal das profesionais da cultura.

A súa fase inicial contou co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte, da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais (FEAGC) e doutras entidades estatais. En 2024, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, o proxecto avanzou con novos recursos e accións adaptadas á realidade galega.

A web do proxecto continúa aberta e recolle materiais e recursos xerados ao longo deste tempo. Tamén segue habilitado o formulario de contacto para enviar propostas, recomendacións ou suxestións:

✉️ coidardenos@xestoresculturais.gal
🌐 coidardenos.xestoresculturais.gal/contacto

Publicacións similares