Estamos a cumprir os dereitos culturais en Galicia?
Como viven as persoas a súa relación coa cultura no seo das súas propias comunidades? Está garantido o acceso equitativo á cultura no territorio galego?
A Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega culminou un longo proceso coa presentación do informe “Acceso á Cultura en Galicia”. Porén, o texto non é máis que un comezo. Aínda que amosa o grande traballo que temos por diante, tamén deixa conclusións esperanzadoras.
A nosa compañeira Ruth Sousa formou parte do equipo encargado de elaborar o informe e subliñou a ampla diversidade de persoas que participaron nel, procedentes de catro territorios e con perfís distintos: cidadanía, persoas e colectivos do terceiro sector, profesionais do ámbito cultural público e privado e responsables políticas.
O documento recolle como avalían e senten as persoas o cumprimento dos seus dereitos culturais desde un punto de vista cualitativo. Persoas distintas chegaron, porén, a unha conclusión semellante: as distintas administracións non están logrando garantir plenamente o cumprimento dos dereitos culturais.
Entre as medidas que se sinalan están o cumprimento da lexislación en materia de accesibilidade, a mellora da formación das e dos profesionais, e o fomento do coñecemento destes dereitos entre a cidadanía, entre outras cuestións.
Mais o informe tamén amosa aspectos que consideramos moi positivos, como o valor do comunitario na práctica cotiá.
Por unha banda, vese con claridade que existe na cidadanía o impulso e a necesidade de “facer cultura”. Esa cultura comunitaria está viva e xera propostas valiosas e inspiradoras, malia as dificultades.
Por outra, aínda que falla un coñecemento concreto sobre que son os dereitos culturais, iso non impide que as persoas sexan capaces de identificar as desigualdades que impactan de xeito transversal e condicionan o acceso á cultura.
Esa conciencia, sumada ao coñecemento que aínda cómpre reforzar, pode ser a base dunha cidadanía crítica e dunha democracia máis forte.
Agardamos que o informe funcione como unha folla de ruta para as administracións, asumindo o seu papel como garantes do acceso á cultura. E celebramos esas ganas de facer cultura nas comunidades, un xerme imprescindible para o futuro.
O informe completo pode consultarse aquí:
https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4553
