Retomamos as aulas no Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC

O curso volveu arrancar no Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC, e este ano con novidades. Non só incorporamos novo alumnado, senón que o facemos estreando un novo formato intensivo: o Curso de Formación Específica en Deseño e xestión de proxectos culturais da USC.

O grupo medra, e con el tamén as perspectivas, as traxectorias e as posibilidades de tecer rede e aprendizaxes compartidas.

Nas primeiras sesións mergullarémonos en como transformar unha idea nun proxecto cultural viable. Falaremos de creatividade, de planificación, de produción, de orzamentos e sustentabilidade. Pero tamén do que significa traballar na cultura hoxe: con que marcos legais contamos, que ferramentas temos para avaliar proxectos ou como podemos deseñar pensando nas persoas ás que queremos chegar.

Do 10 de xaneiro ao 7 de marzo teremos sesións semanais, traballando en formato semipresencial. Como sempre, aprendemos xuntas, compartindo experiencias con profesionais en activo.

Unha primeira sesión que deu moito que pensar

Comezamos coas pilas cargadas e cunha sesión inicial que puxo moitas ideas sobre a mesa. Tivemos con nós a Jose Luis Pérez Pont, que nos falou sobre planificación estratéxica, xestión situada e modelos de gobernanza na cultura. Unha conversa que nos levou desde as grandes planificacións institucionais ata os desafíos concretos da xestión cultural no día a día.

E, coma sempre, todo o que imos traballando nas aulas queda documentado de forma colaborativa e aberta. Deixamos aquí o resumo da sesión para quen queira afondar no que se tratou:

📌 Planificación estratéxica, xestión situada e gobernanza na cultura con Jose Luis Pérez Pont

Desde hai xa dez anos, compartimos os resumos de todas as sesións no blog da formación, para quen queira seguir o fío: 📖 Podes consultar as sesións sobre temáticas arredor da xestión cultural aquí

Publicacións similares