O proxecto Saberes Próximos, que impulsamos o pasado 2021 co apoio da Deputación da Coruña, segue ofrecéndonos contidos arredor do no noso patrimonio.
Hai unhas semanas dábamoslle a benvida á web do proxecto, na que podes navegar por unha rede de persoas e colectivos que recompilan, gardan e divulgan a memoria e os coñecementos populares.
E hoxe queremos compartir contigo unha nova proposta: As Conversas dos Saberes Próximos
Un podcast para escoitar devagar
As Conversas, moderadas por Sara Fraga -reponsable do mapeado do proxecto- e producidas e realizadas polo creador dixital Jorge Lama, responden á vontade inicial de Saberes Próximos de “coñecer de primeira man as motivacións e o xeito de traballar das persoas que conforman esta rede”.
E para iso cómpre falar sen présa. Preguntando e, sobre todo, escoitando. Nese proceso, o equipo do proxecto aprendeu un montón de cousas que agora están tamén ao teu dispor.
Conversas para compartir
Este podcast comeza a súa andaina coa ceramista Carme Romero, o investigador David Fontán, Emilia Cagiao, do Entroido de Samede, e Begoña de Bernardo, que centra a súa actividade no agroturismo.
Catro persoas vencelladas ao ámbito do patrimonio dende diferentes perspectivas, precedidas dun primeiro episodio: nel poderás escoitar ao equipo de Saberes Próximos explicándoche polo miúdo a razón de ser deste novo contido dixital.
Pódelo facer dende aquí e seguir cos seguintes catro episodios ao teu ritmo. Tamén pódeste subscribir ao podcast na túa plataforma habitual.
Se che gusta (e agardamos que si!) non dubides en compartilo co cancelo #SaberesProximos! 😉