A sétima edición do CEU en Xestión e Innovación Cultural xa está en marcha!

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural celebra dende este mes a a súa sétima edición na USC. Trátase dunha proposta formativa de especial interese para todas as persoas que queren conectar profesionalmente co sector cultural. Un espazo no que tecer rede entre profesionais en activo, alumnado e novas tendencias na profesión, e no que teñen cabida perfís diversos.

Neste curso 2022-23 danse cita profesionais do sector -público ou privado-que queren actualizar coñecementos e acreditalos; persoas emprendedoras ou creadoras que queren saber como auto-xestionar o seu proxecto e persoas cun ámbito de traballo ou formación próximo ao cultural (social, pedagóxico, divulgativo,…) para as que as metodoloxías e coñecementos que abordamos resultan útiles. 

Como será a aprendizaxe?

O CEU en Xestión e Innovación Cultural ten carácter semi-presencial, con sesións que se celebran na Facultade de Ciencias Económicas do campus compostelán todos os venres lectivos e un xoves ao mes -habitualmente o último- en horario de 16:30 a 20:30. 

A parte non presencial da formación apóiase na titorización mediante ferramentas telemáticas, de uso habitual en contextos profesionais. 

A formación baseáse nunha aprendizaxe práctica e titorizada e no intercambio de coñecementos e experiencias con profesionais en activo e de relevancia na contorna ibérica. E artéllase sobre o deseño en equipo dun proxecto cultural, replicando as fases que este proceso ten na vida real.

Sempre con dous piares fundamentais: #aprenderfacendo e #aprendercompartindo. Un proceso coordinado por Sergio Lago e un equipo de titorxs formado por Diego V. Meizoso (Escena Galega), Beatriz Fontán (Poliédrica, Será por Nombres), Diego Parajó (Xeneme) e Sonia Díaz (NóComún, Agareso) .

As aulas rematarán a finais de maio, pero ata o 30 de setembro o Curso manterase activo, xa que son os meses destinados a prácticas profesionais, de carácter voluntario, en empresas e entidades do sector.

Seis promocións de xestoras culturais

O Curso de Expert* Universitari* en Xestión e Innovación Cultural é unha titulación propia da Universidade de Santiago. Como tal, inclúese dentro da súa oferta de Posgrao e Formación Contínua.

Esta sétima edición presenta unha pequena novidade: o termo innovación no enunciado, que ata o de agora era Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural.

Isto débese á convivencia, na oferta de titulacións da USC, co novo Grao en Xestión Cultural. Unha cuestión formal que non afecta ao enfoque nin á filosofía de aprendizaxe de sempre.

BenCuriosa deseña e coordina esta formación dende a súa primeira edición, no ano 2014. Dende aquela acreditou a preto de 180 persoas como profesionais da xestión cultural. E teceu unha rede -unha comunidade- que implica a docentes, profesionais e alumnado.

Se queres saber máis bótalle un ollo a web do Curso. O CEUXiC ten carácter bienal, así que a octava edición terá lugar no curso 2024-25. Pero non te despistes, que o tempo pasa voando! E podes adiantar traballo solicitando información para a seguinte convocatoria 😉

Subir