Foto de grupo de las personas que integran la Red Estatal de de Cultura Inclusiva

Nace a Red Estatal de Cultura Inclusiva: activar os dereitos culturais de todas as persoas

Estamos moi felices de compartir o nacemento da Red Estatal de Cultura Inclusiva, unha iniciativa pioneira impulsada por seis entidades de distintos territorios do Estado e apoiada pola Fundación Daniel y Nina Carasso, que busca identificar barreiras e achegar solucións de xeito colectivo para a activación dos dereitos culturais de todas as persoas, especialmente daquelas en situación de vulnerabilidade.

Inicialmente, esta Rede está conformada pola Asociación Hazlo Accesible (Comunidade de Madrid), Apropa Cultura Cataluña, Apropa Cultura Balears, Gertu Kultura (País Vasco), Asociación Adonar (Comunidade Valenciana) e BenCuriosa como nó galego.

Para nós, esta iniciativa colectiva dá continuidade a proxectos previos, pero tamén amplía a mirada da man de fantásticas profesionais de entidades cunha longa traxectoria no traballo entre cultura e ámbito social.

Non falamos só de accesibilidade física ou sensorial, senón dunha perspectiva máis ampla sobre a inclusión: todas aquelas persoas e colectivos que, por razóns sociais, económicas, territoriais, de saúde, idade, diversidade funcional ou outras situacións de vulnerabilidade, atopan maiores dificultades para exercer os seus dereitos culturais.

E isto implica pensar non só no acceso á oferta cultural como públicos, senón tamén na participación activa nas prácticas culturais cotiás, amadoras e comunitarias, así como na presenza destes colectivos nos espazos profesionais e de toma de decisións das políticas culturais.

Primeiro paso: identificar barreiras xunto ás entidades sociais

A primeira acción que xa estamos a desenvolver é unha enquisa en colaboración coas entidades sociais de cada territorio.

O obxectivo é coñecer mellor como se desenvolve a participación cultural das persoas que forman parte dos seus centros, colectivos e asociacións, que barreiras aparecen e que condicións poderían facilitar unha participación máis plena.

Queremos partir da escoita e do coñecemento situado das realidades dos territorios para identificar retos concretos e activar futuras liñas de traballo compartidas.

O cuestionario forma parte do traballo conxunto da Rede e supón o primeiro paso para construír diagnósticos, informes públicos e pilotos específicos ao longo do ano.

A enquisa estará aberta ata o 30 de abril, dispoñible para entidades sociais en galego e noutras linguas: https://linktr.ee/red.derechosculturales

En paralelo, tamén estamos a recoller directamente experiencias de persoas que poden estar a percibir barreiras ou dificultades na participación cultural, dispoñible aquí.

Unha rede para tecer complicidades

Esta iniciativa nace coa vontade de tecer complicidades entre territorios, entidades sociais, profesionais da cultura e administracións, e de contribuír a poñer no centro das políticas culturais o dereito efectivo á participación.

Ao longo de 2026 iremos compartindo os avances desta Rede, as novas accións que se activen e os resultados que vaian xurdindo deste proceso colectivo.

Se estás interesada nesta liña de traballo e desenvolves a túa actividade en Galicia, tanto desde o ámbito cultural como desde o social, encantaríanos coñecerte e conversar contigo. Contáctanos para seguir tecendo rede e avanzar xuntas cara a unha cultura máis inclusiva.

Publicacións similares