A xornada “Coidar de nós, para coidar da Cultura” reúne a máis de cen profesionais do sector en Soutomaior
O encontro, un novo chanzo no proxecto Coidar de Nós, analizou a atomización do sector cunha alta porcentaxe de autónomos, o predominio da cultura entretemento, os avances normativos na profesionalización e o contexto europeo.
Un punto de partida colectivo para repensar o traballo cultural
Como se traballa no sector cultural? Correspóndese a consideración da cultura como un dereito da sociedade coa consideración das persoas que traballan nela? Envellece o sector debido á falta de atractivo para os traballadores máis novos?
Estas cuestións e outras foron abordadas na xornada “Coidar de nós, para coidar da Cultura”, celebrada no Castelo de Soutomaior o xoves 2 de marzo da man da Deputación de Pontevedra e da Asociación Galega de Profesionais da Cultura (AGPXC).
Cento dez profesionais inscritos na xornada asistiron ás diferentes sesións e mesas da xornada, que foi inaugurada por Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC, e Sergio Lago, comisario da xornada e coordinador do proxecto.
Cultura, dereitos e recoñecemento
“A cultura ten que ser prioridade para as administracións, non pode ser a materia maría. Hai que dedicarlle recursos; sabemos que ese talento non está nos despachos, está na sociedade, e polo tanto debemos abordar os dereitos das persoas que se dedican á cultura”
— Carmela Silva
Carlos Lorenzo fixo referencia a un recente estudo do Observatorio Social da Fundación LaCaixa que revela que boa parte dos traballadores culturais non só ten dificultades para vivir do seu traballo senón que considera que o seu labor non é recoñecido pola sociedade.
Voces expertas: diagnóstico e retos
Ao longo da xornada participaron na mesma diferentes poñentes tanto do sector privado como do público. A primeira mesa abriuse con Jorge Fernández León, do grupo de traballo sobre Cultura e Contorna Rural da “Red Española para el Desarrollo Sostenible” (REDS) e Gemma Carbó, directora do Museu Vida Rural da Fundación Carulla (Tarragona) e presidenta da Fundación INTERARTS
“A maioría do traballo cultural non está suficientemente conectado coa comunidade. É un campo que aínda precisa ser penetrado por outras visións”
— Jorge Fernández León
Fernández León denunciou a existencia de modelos de concentración cultural moi afastados das realidades locais e cuestionou o uso de fondos públicos en macrofestivais vinculados a fondos de investimento.
“Somos o único sector que non inviste en I+D”
— Gemma Carbó
Carbó alertou tamén do envellecemento do sector e da falta de conexión interxeracional, debido ás condicións de traballo e ao cambio de mentalidade da xente nova, que rexeita a precariedade como norma.
Perspectiva institucional e avances normativos
Na seguinte mesa contamos con Fernando Cerón, Conselleiro técnico do Ministerio de Cultura; Pilar Portela, Agadic – Xunta de Galicia e representante da AGPXC na FEAGC e Tere Badía, investigadora e ex-secretaria xeral de Culture Action Europe.
Fernando Cerón lembrou que o sector cultural supón un 3,5 % do PIB en España, “o mesmo que a agricultura”, e explicou os avances do Estatuto do Artista e o recoñecemento da intermitencia.
Pilar Portela expuxo o traballo da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais para profesionalizar e definir o papel da xestión cultural.
Tere Badía compartiu datos europeos tras a pandemia: caída do 31 % na actividade cultural en 2020, máis que no sector turístico, con 200.000 millóns de euros en perdas e un 33 % de traballadores autoempregados.
Falan as profesionais do sector cultural
Na última sesión da mañá, moderada por Marián Fernández, Patricia Hermida, avogada e presidenta de AGEM, Fran Quiroga, investigador cultural e Alejandro Nieves, xestor e comunicador, analizaron os principais problemas do sector cultural galego, entre os que destacaron:
- Atomización do sector (autónomas e entidades de 1 ou 2 persoas)
- Alta intermitencia laboral
- Escasa oferta laboral estable
- Déficit de persoal nas institucións públicas
“Hai algo de toxicidade no traballo cultural, ata o punto de que, neste sector, se vives ben, estás mal visto”
— Patricia Hermida
“Temos que deixar de aceptar esa precariedade e pensar máis a longo prazo. A cultura non pode quedar só en mans dos privilexiados”
— Fran Quiroga
Pola tarde: mesas participativas e contada con Cándido Pazó
A xornada completouse cunha sesión de tarde con catro mesas horizontais de traballo:
- Traballo público na cultura
- Día a día de profesionais independentes e pequenas empresas
- Creación cultural máis sostible
- Equilibrio entre traballo cultural e proxectos de vida
Antes, o actor Cándido Pazó puxo un toque de humor coa contada “Traballar na cultura? Espera que che conto”.