|

O proxecto Coidar de nós lanza un espazo dixital na procura de modelos máis sustentables para a xestión cultural

A web coidardenos.xestoresculturais.gal, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) baixo a coordinación do noso compañeiro Sergio Lago, recolle reflexións, retos, recursos e iniciativas inspiradoras no traballo cultural.


Un espazo para recoller e compartir reflexións, recursos e prácticas inspiradoras, co obxectivo de camiñar cara a uns modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural. Así se presenta esta nova plataforma na que todas aquelas persoas que traballan na cultura no ámbito iberoamericano atoparán unha análise de retos no sector, ferramentas e proxectos de referencia.

A páxina, aberta á participación de iniciativas con impacto positivo nas condicións profesionais, forma parte do proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura, que desde finais de 2022 desenvolve a AGPXC en colaboración coa Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural e co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte.

Co proxecto Coidar de nós, a AGPXC quixo ir máis aló da diagnose e abrir un proceso colectivo na busca de solucións, prácticas e modelos inspiradores que axuden a afrontar o reto dunha xestión cultural máis sostible. Un reto que incide directamente na calidade e impacto dos proxectos culturais nos seus contextos. A iniciativa toma como referencia a Axenda 2030 da ONU e focalízase especialmente en dous Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: ODS 8: Traballo decente e ODS 3: Saúde e benestar.

Segundo o coordinador do proxecto, Sergio Lago,

“Existe un consenso amplo, abordado en diferentes foros e espazos profesionais, sobre a situación de precariedade e vulnerabilidade que afecta a unha parte importante dos axentes culturais. Non é algo que afecte exclusivamente ao noso sector, pero si que reunimos importantes factores de risco, como a elevada atomización con traballadoras autónomas e entidades de un ou dous traballadores, alta intermitencia laboral, escasa oferta laboral estable por conta allea no ámbito privado e déficit de persoal nas institución públicas”.

Desde o último trimestre de 2022, o proxecto desenvolveu distintas accións, como os encontros profesionais celebrados na Culturgal (novembro) e no Castelo de Soutomaior (marzo); convocatorias abertas e un mapeo participativo en colaboración con entidades educativas e asociacións culturais; e a formación online “Gestionar la cultura en clave de sostenibilidad: formarse por nuestra salud y la del planeta”, celebrada do 20 ao 22 de marzo.

Como último chanzo deste proceso, ábrese agora o espazo web coidardenos.xestoresculturais.gal para compartir todo o coñecemento xerado.

Na web poden atoparse:

  • Publicacións colectivas sobre a situación profesional no sector cultural
  • Políticas culturais impulsadas desde distintas administracións
  • Iniciativas colectivas de asociacións profesionais e colectivos culturais
  • Recursos profesionais: guías, manuais e ferramentas formativas

Desde a AGPXC subliñan o carácter aberto da plataforma, convidando á comunidade profesional a enriquecer o mapeo con novas propostas e recursos arredor do traballo cultural.

A web está dispoñible en coidardenos.xestoresculturais.gal

Publicacións similares