“Coidar de nós, para coidar da cultura”: arrinca na Culturgal un novo proxecto arredor da sustentabilidade laboral no sector cultural
Hai unhas semanas o Pazo de Goiáns acollía o I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural, na que se falou, por primeira vez da idea de coidar de nós.
Agora, esta reflexión materialízase da man da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural nun novo proxecto. Comisariado polo noso compañeiro Sergio Lago, este proxecto deu os seus primeiros pasos esta fin de semana na Culturgal.
Este punto de partida materializouse nunha xornada en dúas partes, orientada á reflexión colectiva, o intercambio profesional e a procura de modelos máis xustos de traballo na xestión cultural.
Mesa de traballo participativa: pensar xuntas dende a diversidade
A primeira proposta foi unha mesa de traballo participativa, na que se reuniron profesionais de distintos perfís, idades e ámbitos culturais. A dinámica partiu dunha pregunta tan sinxela como profunda: “En que pensas cando escoitas ‘condicións laborais’?”
A actividade permitiu poñer en común experiencias e realidades moi diversas, e lanzar novas preguntas sobre o que precisamos cambiar. Nela participou tamén alumnado da sétima edición do CEU en Xestión e Innovación Cultural da USC, achegando a súa ollada.
Conversa aberta: modelos sustentables desde o territorio
A segunda parte da xornada foi unha conversa aberta ao público, celebrada no espazo profesional da Culturgal. Nela participaron representantes de asociacións e redes profesionais de ámbito estatal, que compartiron modelos de traballo sostibles e boas prácticas desde as súas realidades:
- Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC (Galiza)
- Ana Aznar, da Asociación de Gestión Cultural de Extremadura (AGCEX)
- Raül Carretero, da Associació de professionals de la gestió cultural de Catalunya (APGCC)
- Berta Figueiras, da Rede de Espazos e Agentes de Cultura Comunitaria (REACC)
Entre todas, puxeron en común liñas de acción posibles, retos compartidos e experiencias inspiradoras, abrindo camiños para unha cultura que coida a quen a fai posible.
Un proxecto con horizonte
“Coidar de nós, para coidar da cultura” estenderase nesta primeira fase ata marzo de 2023, combinando encontros profesionais, espazos formativos e un proxecto web no que se recollerán conclusións, recursos e un banco de experiencias inspiradoras.