Pechamos aulas: balance colectivo da 7ª edición do Curso de Xestión e Innovación Cultural da USC

Este venres celebramos a derradeira aula da sétima edición do Curso de Experta/o Universitario en Xestión e Innovación Cultural da USC. Co programa académico xa finalizado e os traballos en equipo entregados e valorados polo equipo de titorización, quixemos reservar esta última sesión para algo diferente: parar, mirar atrás e pensar en todo o vivido desde outubro de 2022.

Foi unha xornada pensada para a reflexión persoal e colectiva, na que cada persoa puido contrastar as expectativas co resultado final, e poñer palabras á súa propia evolución. Co que compartimos, fomos debuxando un mapa-balance colectivo cheo de vivencias, aprendizaxes e cambios.

E como aquí non deixamos nunca de #aprenderfacendo, fixémolo tamén nesta ocasión a través dunha dinámica creativa e divertida, na que participou o alumnado xunto cunha parte do equipo docente: Isabel Neira, Sergio Lago, Ruth Sousa, Sonia Díaz, Marcos Lorenzo e Beatriz Fontán.

O peche das aulas marca un punto e aparte no Curso. Para parte do alumnado, a sétima edición remata aquí. Para outras persoas, continúa ata o 30 de setembro, tempo no que desenvolverán prácticas profesionais en entidades e empresas culturais galegas.

O CEU en Xestión e Innovación Cultural ten carácter bienal e regresará no curso 2024-25 como parte da oferta de estudos propios da USC.

Esta edición, coma todas as anteriores, déixanos moi contentas. Xunto co noso alumnado e todas as docentes que pasaron polas aulas, aprendemos facendo e aprendemos compartindo, e seguimos tecendo comunidade arredor dunha xestión cultural comprometida coa transformación social.

🔗 Toda a información como sempre, está recollida de forma aberta e colaborativa no blog da formaciónusc.xestioncultural.com/blog/

Publicacións similares