Así foi a formación en liña de Cultura de Navarra
Nestas últimas semanas estivemos inmersas nun proxecto de formación en liña coa mirada posta en Navarra, “Cultura, dixitalización e transformación dixital”. Nel abordamos o tema do reto da transformación dixital tendo en conta as peculariedades de Cultura de Navarra/Nafarroa Kultura. Unha aventura didáctica dende a que abordamos o proceso da dixitalización dende a perspectiva dos proxectos de proximidade, nos que o valor relacional é fundamental.
Tratábase dunha experiencia formativa enmarcada na iniciativa Cultura Navarra e inserida dentro do Plan Estratéxico de Cultura de Navarra 2017-2023. O seu obxectivo principal foi acompañar a profesionais da xestión cultural na actualización de competencias e na adopción de ferramentas e prácticas na contorna dixital.
Participaron un total de 35 alumnos, completando o 100% das prazas dispoñibles. Con eles compartimos sesións en liña semanais e xuntas fixemos unha posta en común sobre as perspectivas do reto dixital dende diferentes miradas. O alumnado, composto por profesionais do sector, buscaba nesta opción formativa a posibilidade de actualizarse e coñecer proxectos inspiradores, así como descubrir novas ferramentas. En Becuriosa procuramos levar todas as temáticas á particularidade cotián das participantes, favorecendo así a aprendizaxe dende a proximidade.
A importancia de traspasar a pantalla
A tendencia de hibridar o mundo online co offline levaba anos collendo forzas e sumando adeptos. Pero a covid-19 evidenciou máis que nunca a súa necesidade e obrigounos a axilizar os procesos de dixitalización para seguir facilitando o acceso á cultura aos nosos usuarios. Unha obriga que cada persoa desenvolveu como puido, en base aos seus propios coñecementos e destrezas.
Con estas formacións pretendemos achegar unha introdución panorámica ás oportunidades que nos brinda o mundo dixital. Ademais, permítennos continuar investigando e descubrindo xuntas as mellores opcións para romper a barreira da non presencialidade.
O valor do encontro presencial está máis vixente que nunca debido á ausencia durante todos este tempo de restricións pola pandemia. Pero a parte dixital dos proxectos é unha realidade que chegou para quedarse e cada vez son máis os públicos que a demandan. Atopámonos ante un cambio de paradigma e todos os axentes culturais precisan ir un paso por diante na sua presenza dixital. Hai que ir moito máis aló da promoción das nosaas actividades nas distintas redes sociais. O mundo dixital transformouse nun espazo de encontro e participación cultural ineludible. É o noso deber achegar o 100% do valor dos nosos proxectos ás pantallas.
Cursos en liña: transformación dixital no sector cultural
A transformación dixital avanzou a pasos de xigantes neste tempo. Xa non podemos dar as costas a que a contorna dixital é un espazo de encontro e participación cultural ineludible. Unha meirande parte da sociedade accede diariamente ao coñecemento e á cultura dende un dispositivo dixital. Todos estamos conectados con outras persoas para divertirnos, aprender, inspirarnos, experimentar, precisamente, grazas a dixitalización.
Por iso, dende Bencuriosa apostamos por liñas de formación pensadas por profesionais do sector cultural para outros profesionais. Nelas procuramos achegar coñecementos e ferramentas que, dende a propia experiencia, faciltan a realidade do día a día dos centros, institucións e servizos culturais de proximidade.
Sempre tendo moi presente a filosofía de #aprenderfacendo e #aprendercompartindo que aplicamos a todas as nosas propostas formativas. Cunha metodoloxía adaptada a un aprendizaxe flexible e compatible coas obrigas laborais e persoais. Gustaríache saber máis…?
O alumnado desta formación concreta, que puido avaliar o curso ao seu remate, outorgoulle unha nota media de 9. Máis alá disto, un 66,7% dos participantes recoñeceron valorar este formato e o presencial dunha maneira similar. É máis, algunhas das vantaxes destacadas polo alumnado foi poder acceder aos contidos en liña en calquera momento. Tamén valoraron a capacidade de adaptar estas iniciativas ao mundo online, rompendo a barreira da pantalla e convertendo aos participantes en protagonistas, non só en espectadores.