Dende Bencuriosa activamos Saberes Próximos: un proxecto que conta co apoio da Deputación da Coruña, a través do seu programa de proxectos singulares, e que comeza a súa andaina cun proceso de recollida de información.
Esta primeira fase está aberta á participación. O seu obxectivo é coñecer ás persoas e colectivos que recollen e divulgan o noso patrimonio inmaterial. Os nosos saberes: as maneiras de facer, de divertirse, as costumes, os oficios, a tradición oral… Coñecementos que, ata non hai moito, transmitíanse de xeración en xeración.
Os cambios da sociedade acabaron por romper ese relevo natural, pero moitas persoas, colectivos e entidades, de maneira profesional ou amadora, continúan a recollelos. Fano para que este patrimonio non perda vixencia e manter viva esta bagaxe que conforma a nosa identidade cultural. Reformulando a transmisión de saberes de xeitos diversos e, nalgúns casos, sumando tradición e innovación.
En Saberes Próximos queremos crear un espazo no que calquera persoa poida achegarse e coñecer a asociacións, divulgadoras, obradoiros artesanais, investigadoras independentes, artistas, mestras, xestoras culturais… Perfís que compartan a motivación de recoller o patrimonio inmaterial, dando conta da variedade de aplicacións que este ten.
Quen son, sobre que área de coñecementos traballan e como e por que desenvolven esta tarefa. Estas son algunhas das preguntas nas que poremos o foco en Saberes Próximos.
O resultado: un espazo dixital aberto
O obxectivo é crear -a partir deste proceso de recollida de información- unha base de datos aberta e dixital. A través dela, calquera usuaria poderá coñecer ás entidades e persoas que traballan arredor dos nosos saberes na provincia da Coruña. E as protagonistas poderán ter unha panorámica do alcance do seu traballo e de posibles puntos de conexión entre elas.
Un formulario para recoller información de Saberes Próximos
Saberes Próximos iniciou xa o proceso de contacto coas persoas, entidades e colectivos que recollen, coidan e divulgan coñecementos relacionados co noso patrimonio inmaterial. Para recoller a información necesaria, o proxecto facilita un formulario, dispoñible na web saberesproximos.gal
Nesta web podes ler a información completa do proxecto e participar, aportando información sobre a túa labor arredor do patrimonio inmaterial dentro do contexto da provincia da Coruña.
Para calquera dúbida ou cuestión a comentar arredor do proxecto, podes contactar connosco a través do correo ola@saberesproximos.gal.