Nova formación sobre mediación cultural e comunidades

Comezamos un novo bloque formativo no Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC, centrado nesta ocasión na mediación cultural como ferramenta para conectar os proxectos coas comunidades. Un módulo que nos convida a pensar en como escoitar de verdade, fomentar a participación e crear vínculos máis significativos nos nosos territorios.

Durante as vindeiras semanas exploraremos como achegarnos a públicos diversos, como promover a inclusión e como tecer redes sólidas a través da cultura.

Primeiras sesións: organizacións culturais con todas as persoas

Arrincamos esta nova etapa cunha sesión inspiradora da man da Rede Museística Provincial de Lugo, unha institución pioneira na museoloxía social a nivel iberoamericano. Contamos con dúas voces clave:
🗣 Encarna Lago, a súa xerente, que vén de recibir a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e que leva anos impulsando un modelo de xestión centrado nas persoas e na democracia cultural.
🗣 Ángeles Miguélez, educadora e referente en accesibilidade e inclusión, compartiu desde a práctica como facer que todas as persoas teñan espazo real nos proxectos culturais.

Cultura, saúde, educación e benestar

Na segunda sesión, seguimos afondando no papel da mediación na creación de espazos de encontro e participación, esta vez con Roser Sanjuan, responsable de Programas Públicos no Centre d’Art La Panera (Lleida). A través da súa experiencia puidemos coñecer iniciativas nas que a cultura se entrelaza con outros sectores como a educación, a saúde e o benestar, abrindo portas a novas formas de traballar coas comunidades.

O módulo continúa con visitas, casos prácticos e experiencias diversas

Ao longo das vindeiras semanas seguiremos con novas sesións e voces convidadas:

  • Mediación dende os centros socioculturais, con Yovana Quintana (CSC de Santiago) e visita ao CSC de Vite.
  • Mediación dende as bibliotecas públicas, con Mar García.
  • Claves prácticas sobre activación de espazos de mediación, redes de traballo e financiamento, con Fran Quiroga (Concomitentes).
  • Mediación artística con Caterina Varela, directora das Residencias Paraíso e cofundadora de RPM.
  • Mediación no rural con Tania Sánchez (Outonía Cooperativa), achegándonos ao seu traballo arredor do desenvolvemento comunitario nas montañas lucenses e ourensás.

🔗 Toda a información das sesións, como sempre, está recollida de forma aberta e colaborativa no blog do posgrao: usc.xestioncultural.com/blog/

Publicacións similares