Que iniciativas están a transformar a cultura galega?

O noso compañeiro Sergio Lago formou parte do xurado na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas dos Premios da Crítica de Galicia 2025, celebrados o pasado sábado 18 de outubro na sede de Afundación en Vigo.

Nesta edición, o xurado acordou por unanimidade outorgar o premio ao Programa Apego, destacando a súa contribución á transmisión interxeracional do galego nun momento de emerxencia lingüística. Apego dota ás familias de ferramentas e recursos para acompañar o proceso de inmersión lingüística desde os primeiros anos de vida, promovendo unha cultura do país viva e compartida. Valorouse especialmente a relación directa e próxima entre os equipos de normalización lingüística dos concellos e as familias participantes, así como a capacidade do programa para tecer rede entre administracións de diferentes cores políticas, nun exemplo de cooperación institucional que optimiza recursos e multiplica o impacto.

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas estivo composto por:

  • Marisa Barreiro, profesora e presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA)
  • Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, director do Teatro Rosalía de Castro
  • Anxos Sobriño Pérez, lingüista na administración de Xustiza e ex-presidenta da CTNL
  • Alejandro Tobar, tradutor e editor de Hugin e Munin
  • Manuel Vicente, comunicador científico e director de Efervesciencia, gañador da edición 2024
  • Sergio Lago, xestor cultural e co-director do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC
  • Ana González Liste, xornalista de Praza Pública, actuando como secretaria en representación dos Premios da Crítica de Galicia

➡ Máis info sobre o programa premiado: apego.gal
➡ Máis info sobre os premios: premiosdacriticagalicia.gal