Saberes Próximos comezou a dar os seus primeiros pasos: a recollida de información. Estamos a buscar persoas e colectivos que recollen e divulgan o noso patrimonio inmaterial da provincia da Coruña. Pero, como chegamos a eles?
En saberesproximos.gal calquera axente pode anotarse de maneira autónoma no formulario. Pero imos máis alá.
Nun proxecto coma este é indispensable levar a cabo un bo proceso de mapeado. Esta ferramenta permítenos coñecer aos axentes que influen no territorio e os ámbitos que nos afectan. Co mapeado podemos comparar e contrastar as nosas hipóteses iniciais, adaptar os procesos e continuar construindo o proxecto.
A nosa compañeira Sara Fraga montou un auténtico tear para buscar, localizar e contactar con asociacións, divulgadoras, obradoiros, investigadoras, artistas, mestras, xestoras culturais… Un proceso sen fin que comeza cunha chamada, un correo ou unha simple búsqueda en Google. Conversas con persoas que te levan a outras persoas. Fíos dos que imos tirando mentres descubrimos, abraiadas, que hai tantas maneiras de mirar o patrimonio como persoas que o viven.
Imos tecendo redes, conectando puntos con persoas e recompilando toda a información posible. Saberes Próximos construímolo da vosa man, porque #AprendemosFacendo.
Temos moitas ganas de que poidades ver en que se materializa todo isto. De momento, continuamos!