Dereitos culturais en Galicia: arranca o ciclo “Acceso á cultura 2025”
🔍 Sabemos realmente que son os dereitos culturais? Exercémolos? Como se garante o acceso á cultura no noso país? Este ano 2025, a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega, da que forman parte os nosos compañeiros Sergio Lago e Marcos Lorenzo, abre un proceso colectivo para dar resposta a estas preguntas.
Faino a través do ciclo #AccesoÁCultura en Galicia 2025, un proxecto que busca analizar se as políticas culturais galegas están a seguir o novo paradigma baseado nos dereitos culturais, tal como se está a facer noutras comunidades do Estado ou a nivel internacional.
Catro olladas, un mesmo obxectivo
O ciclo estrutúrase en catro xornadas de recollida de información e debate, entre marzo e xuño, nas que se analizarán distintas dimensións do acceso á cultura:
- Dereito á participación
- Desigualdades territoriais
- Comunicación e dereitos culturais
- Interseccionalidade
Os resultados destas sesións permitirán elaborar informes específicos e culminarán nun encontro final no outono de 2025, que servirá para avaliar a situación en Galicia.
Primeira sesión: a participación no centro
📍 Esta semana celebramos no Pazo de Goiáns (Boiro) a primeira das xornadas, centrada no dereito á participación cultural. Coordinada por Alberto García, a sesión reuniu administracións, asociacións, colectivos, artistas e público para reflexionar sobre como garantir a participación real da cidadanía na cultura.
🔎 Compartíronse seis proxectos culturais que exemplifican boas prácticas nesta liña:
- Castelo Conta
- Feirón Mariñeiro de Rianxo
- Contos do Mar
- FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro)
- Escora Danza
- Espazo Activo da Ulla – Pasabodeghas
🗣 A conversa foi guiada polas mediadoras Natalia Balseiro, Elena González e Branca Albán, e contou coa participación de Paula Cabaleiro, Roberto Pascual, Marián Fernández e Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña.
📸 A sesión foi gravada e poderase consultar na hemeroteca do Consello da Cultura Galega.
Seguinte parada: cultura e territorio
📆 22 de abril | A Casa Vella (Ames)
💬 A seguinte xornada, coordinada por Roberto Pascual, centrarase nas desigualdades territoriais e no impacto que ten o lugar onde vivimos no acceso á cultura.
🟢 Xa están abertas as inscricións:
👉 consellodacultura.gal/evento.php?id=202125