Presentamos Coidar de Nós da AGPXC no X Encuentro Cultura y Ciudadanía en Santiago de Compostela

O proxecto Coidar de Nós, para coidar da cultura continúa a súa traxectoria con novos espazos de diálogo e aprendizaxe compartida. O primeiro fito desta nova fase foi a participación, por convite, no X Encontro Cultura y Ciudadanía, promovido pola Subdirección General de Cooperación Cultural con las Comunidades Autónomas do Ministerio de Cultura.

O encontro celebrouse entre o 24 e 26 de setembro de 2024 en Santiago de Compostela, cunha ampla participación presencial e virtual de centos de profesionais da cultura de toda a Península. Baixo o lema “10 años. Desplazamientos, desafíos y deseos para nuestro sistema cultural”, o encontro propuxo unha mirada múltiple sobre os retos actuais e futuros das políticas culturais.

Na sesión da tarde do 25, participamos na mesa de proxectos dedicada á cultura, aos coidados e á saúde, un espazo pensado para abordar cuestións clave que afectan o benestar das persoas que traballan na cultura e a sostibilidade do sistema cultural no seu conxunto.

A mesa levouse a cabo no auditorio do Museo do Pobo Galego baixo o título “Cultura, coidados e saúde. Un diálogo necesario”, compartindo conversa:

  • Fátima Masoud · O enloquecemos juntas o nos enfermarán solas
  • Sergio Lago · Coidar de Nós, AGPXC
  • Juan Alberto García de Cubas · Fundación Cultura en Vena
  • Moderada por: Clara López Ruiz, Subdirección General de Cooperación Cultural con las Comunidades Autónomas

Durante a súa intervención, Sergio Lago compartiu as liñas principais do proxecto Coidar de Nós, impulsado pola AGPXC, facendo fincapé na súa aposta por poñer no centro da acción cultural as condicións laborais, o tempo, a saúde e a sostibilidade.

Falouse dos distintos formatos que ten adoptado o proxecto: encontros temáticos, accións formativas, guías prácticas e un arquivo dixital vivo, dispoñible en coidardenos.xestoresculturais.gal, como ferramenta aberta á comunidade profesional.

Foi un pracer seguir tecendo rede con proxectos que, desde diferentes lugares e enfoques, defenden unha cultura que coida e que se coida.

Publicacións similares