Comeza a 8ª edición do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da USC: novas dinámicas e aprendizaxe en rede
Tiñamos moitas ganas de que chegase este día e, por fin, hoxe demos comezo á oitava edición do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural. Dedicamos a primeira parte da xornada a coñecernos, a explorar a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que se converte na nosa casa para estes próximos meses, e a descubrir a dinámica xeral do Curso. Este ano, como novidade, está dividido en tres bloques temáticos que se poden cursar de maneira modular.
Aprender facendo, aprender compartindo
Como sempre, a comunidade é un dos pilares do Curso: aprender de forma práctica e colectiva, man a man con profesionais de referencia no sector cultural, e tecendo redes de colaboración. Un destes profesionais é Marcos Lorenzo, consultor e xestor cultural, e tamén co-fundador do Curso. Nesta edición, Marcos abriu as aulas cunha sesión dedicada ás políticas culturais, ofrecendo unha perspectiva histórica internacional e achegándose ao contexto galego. Un comezo de luxo, que abriu a discusión e a participación activa do alumnado.
Unha edición que marca unha década
BenCuriosa deseña e coordina esta formación dende a súa primeira edición, no ano 2014. Na actualidade está co-dirixido por Sergio Lago e Isabel Neira, profesora de economía aplicada na USC.
O curso, agora bienal, celebra 10 anos de traxectoria ofrecendo un programa formativo adaptado ás características do sector cultural galego e ás necesidades das profesionais. Unha década de vontade por tecer redes que, sen dúbida, leva a unha edición moi especial, contando con máis dunha trintena de docentes –profesionais en activo de toda a Península– para #AprenderFacendo e #AprenderCompartindo sobre xestión cultural.
Bloques temáticos e novos formatos
A proposta formativa está dividida en tres bloques temáticos que, como novidade, poderanse cursar de forma modular como Cursos de Formación Específica da USC:
- Análise e planificación estratéxica no sector cultural e creativo.
- Deseño e xestión de proxectos culturais.
- Mediación, comunidades e comunicación cultural.
Estamos con ganas de compartir cada momento deste percorrido. Que como sempre compartirase en aberto no blog da formación, para quen queira seguir o fío das sesións sobre diferentes temáticas arredor da xestión cultural.
Na web podes atopar tamén o programa detallado e o equipo docente, así como subscribirte para recibir información preferente cando se lancen futuras convocatorias: usc.xestioncultural.com/programa