A xestión dun traballo colectivo, ben organizado e estruturado, no que todas as persoas (de maneira autónoma, pero conectadas entre si) desenvolvan tarefas que repercutan nun proxecto común é unha das maiores dificultades ás que se enfronta case calquera entidade.
Máis aínda se pensamos en abordar este proceso na contorna virtual. Non é un problema de posibilidades tecnolóxicas. Máis alá do feito de ter que aprender o manexo dunha determinada ferramenta, a cuestión de base adoita estar na organización en si.
Por iso, antes de afondar nas posibilidades dixitais, a nós gústanos falar de cultura organizacional. É dicir: as ideas e valores que ten unha entidade e que se materializan nun modo de traballo concreto. Nunha dinámica colectiva que sostén o desenvolvemento de proxectos.
Como organizar o traballo en equipo?
Cada entidade é un mundo e todas temos marxe de mellora no que respecta a como nos organizamos. O noso propio crecemento interno, as necesidades que xorden e, máis concretamente, a esfera dixital, obrigan a repensarnos e reformularnos de vez en cando.
O 21 de setembro celebramos unha sesión práctica no centro Ágora para as profesionais das bibliotecas da Coruña. Nela tratamos estas reflexións coa mirada posta en estratexias, metodoloxía e ferramentas para o traballo colaborativo en contornas virtuais.
Acompañamento na transición dixital das biliotecas da Coruña
Esta actividade presencial enmárcase dentro do acompañamento estratéxico que levamos a cabo na transición dixital da Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña.
Dentro deste proxecto, que comezamos no pasado mes de marzo, adicamos varios meses á análise e coñecemento da entidade. Este proceso materializouse nunha diagnose que compartimos hai uns días coas profesionais da rede (+link post 7 set).
Nesta etapa desenvolveremos máis actividades como esta xornada. Todas elas encamiñadas a compartir de maneira concreta e práctica solucións para as necesidades detectadas.