A transición dixital das Bibliotecas Municipais da Coruña

O pasado mes de marzo comezamos un proxecto que vén de culminar a súa primeira etapa: o acompañamento á Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña na súa transición dixital.

Un proceso complexo, sostido no tempo, e no que se combinan o ámbito interno da organización co ámbito externo, que é aquilo (actividades, propostas, servizos,…) que percibes ti como usuaria.

Cómpre explicar que esta entidade, integrada por oito bibliotecas, leva tempo dando resposta ás necesidades dixitais na cidadanía, con propostas formativas e lúdicas. Ests constante adaptación débese ao esforzo e imaxinación das traballadoras e equipos dos centros e a unha idea moi clara de biblioteca dinámica e moderna.

O que pasou é que a aceleración nos usos e necesidades dixitais que a todas nos trouxo a pandemia impulsou á Rede a afrontar un novo reto: acelerar o seu proceso de transición dixital, coidando do equilibrio entre o presencial eo  virtual

Como abordamos nós unha estratexia de transición dixital?

En BenCuriosa cremos que temos que poñer a tecnoloxía e os recursos dixitais ao servizo dos proxectos e das persoas e non ao revés. Por iso, antes de deseñar ningunha estratexia, é preciso coñecer moi ben o proxecto. Neste caso, toda a rede de bibliotecas. E a iso adicamos os primeiros meses do noso acompañamento estratéxico!

O proceso de diagnose que levamos a cabo, contando sempre coas profesionais da Rede, serviu para detectar necesidades diversas. Pero tamén para abordarlas dende a idea de que un reto tamén é unha oportunidade.

Por iso, en paralelo, traballamos na identificación de accións a desenvolver para mellorar os puntos febles detectados nesta primeira anális de situación. 

Unha xornada de posta en común que mira ao futuro

Este 7 de setembro culminamos a primeira parte do proceso de acompañamento estratéxico cunha sesión presencial de posta en común que celebramos no centro Ágora da Coruña.

Neste encontro explicamos en detalle a diagnose que elaboramos sobre as necesidades relacionadas coa transición dixital da Rede Municipal de Bibliotecas da Coruña e compartimos un plan de implementación de melloras, así como unha proposta de acompañamento neste proceso.

Dende hoxe, e durante as vindeiras semanas, abordamos nunha nova fase, orientada a compartir e contrastar diferentes dimensión e retos dixitais da Rede en combinación con sesións de perfil práctico e obradoiros.

Unha etapa na que seguir escoitando, conversando e aprendendo xuntas.

Publicacións similares