A imaxe é un detalle de varias carpetas de clasificación de documentos, en tons verdes. Trátase dunha fotografía dun banco de imaxe que empregamos para ilustrar a información sobre ViteArquiva

Colaboramos no proxecto ViteArquiva deseñando a súa metodoloxía de arquivo

ViteArquiva é un proxecto comunitario, que nace da vontade da Coordinadora do Barrio de Vite de xerar un espazo no que documentar a memoria veciñal.  A esta iniciativa sumouse o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC , dando lugar ao actual equipo motor do proxecto.

Nesta primeira etapa veciñanza e INCIPIT puxeron en marcha un proceso inicial de recollida de memoria. Ademais, co apoio de diversos profesionais, definíronse as bases do arquivo e activouse unha web na que consultar algúns dos contidos documentados. 

O arquivo de ViteArquiva

Tras esta fase, ViteArquiva precisaba consolidarse como proxecto arquivístico. Isto é, acabar de definir unha metodoloxía coa que construír unha base de datos. E coa que seguir desenvolvendo a colleita de contidos.

Unha estratexia que vinculara os criterios profesionais que recolle a Norma Galega de Descrición Arquivística (NOGADA) e a realidade e posibilidades dun proxecto de carácter comunitario.

Coa vista posta non só no arquivo en si, senón no relato que este puidera xerar no futuro. E na posibilidade de plasmalo a través de espazos ou narrativas dixitais.

Unha extratexia adaptada á realidade do proxecto

A proposta coa que colaboramos en ViteArquiva contou co asesoramento técnico e a participación activa de Balbina Gándara, consultora especializada no eido da arquivística.

Deste traballo común xurdiu material didáctico e unha metodoloxía. Con bases profesionais e adaptada á realidade do proxecto, para garantir a súa sustentabilidade.

Trala celebración dunha xornada práctica na que aprender facendo para afianzar esta metodoloxía,  ViteArquiva contínúa a súa andaina. Agora con novas ferramentas coas que planificar e avanzar no crecemento do seu arquivo.

Queres compartir este contido?
Subir